«Hai un arrefriamento laboral, pero, como dirían os avós, temos saúde»

j. b. A ESTRADA / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

Nado en Vinseiro, Tino Barreiro vive dende hai catro anos en Nova York, e xunto a Pablo Honey lanzou o proxecto Fálame.gal, que convida a empregar o galego

17 may 2020 . Actualizado a las 12:56 h.

«Fálame.gal é un proxecto colaborativo que invita a todo o mundo a falar, experimentar, expresar e arriscar en galego. A nosa lingua é tan versátil como os seus falantes queiran», explica o estradense Tino Barreiro dende o outro lado do charco. Reside dende hai catro anos en Nova York, e xunto a Pablo Honey, de Zas, promoveu unha iniciativa colaborativa da que fala en primeira persoa a continuación, e tamén sobre as súas vivencias nos Estados Unidos, sobre o traballo e sobre a pandemia:

Canto máis a falemos [comenta respecto á lingua galega] máis diversidade teremos e máis posibilidades se abrirán ante nós. Moitas veces pecamos de prexuízos, vergoñas ou medos que son infundados. Este proxecto é un exemplo, estamos colaborando con xente de todos os lugares do mundo e con creadores recoñecidos a nivel internacional en galego. A lingua non é unha barreira, senón ao revés. Cando lle imos explicando aos creadores o proxecto e a temática sobre a nosa lingua aínda lles parece mais interesante. Non recibimos máis que felicitacións e moito interese.

A mecánica que temos agora mesmo é que cada un dos participantes crea un visual coa frase «Eu son a túa lingua. Ti es a miña fala», e logo nós publicámolo na web e en redes. Pero iso irá cambiando en función de quen se queira unir ao proxecto, sexa cal sexa a súa disciplina ou interese. As primeiras creacións comezarán a publicarse este día 17.

Pareceunos simbólico comezar o Día das Letras, pero a idea é que Fálame.gal continúe e colla outras formas e dimensións, como a propia lingua. Queremos pensar que isto ten principio pero non hai final. Gustaríanos que colaborase aínda moita máis xente e que Fálame.gal se fora adaptando ao que os falantes queiran: calquera formato ou proposta será benvida, sexan falantes de Galicia ou doutras partes do mundo. Cantos máis falantes, mellor. A diversidade é unha riqueza. Ás veces esquecémonos disto. Fálame.gal non quere ser unha campaña, nin hai unha empresa ou institución detrás. Non hai máis interese que o de inspirar o uso da nosa lingua. Unha lingua non necesita patrocinios, necesita falantes. Isto é unha escusa para falar.

Eu son de Vinseiro, unha aldea da Estrada, pero levo vivindo catro anos en Nova York, e Pablo é de Romelle, unha aldea da zona de Zas, e xa vai polos oito anos na cidade. Os dous acabamos aquí por razóns de traballo e os dous falamos galego a diario, sexa en dixital ou en persoa, e temos comprobado que a nosa lingua abre as portas, laboral e persoalmente. Ademais, ser bilingüe axuda a ter un pensamento máis aberto. Ninguén que coñeza tivo obstáculos co galego: ao revés, as posibilidades multiplicáronse.

Todo este proxecto, pola súa natureza, pero tamén pola situación que vivimos agora, foi feito en remoto. Pablo e mais eu vivimos os dous relativamente preto un do outro, pero fixemos todo por videochamada, mensaxes de texto e moito correo electrónico. Pablo traballa liderando o apartado de deseño en Automattic, a empresa nai de Wordpress, así que para el traballar en remoto é a normalidade, todo o seu equipo está repartido polo mundo. Dende que me mudei a Nova York, o meu traballo como creativo para diferentes axencias de publicidade divídese entre remoto e oficina. Saco horas antes ou despois da xornada laboral para traballar no proxecto do que son parte en Galicia, Moksín [nome das zapaterías para as que fai campañas publicitarias, e que son da súa propiedade], e logo vou á oficina da axencia coa que colabore nese momento. Agora isto cambiou, e o último proxecto no que traballei, que foi con Virtue, a axencia creativa da revista Vice, foi xa en remoto.

Por sorte, a tecnoloxía axuda, e o traballo que realizamos pódese facer case dende calquera lugar do mundo mentres teñamos un ordenador e conexión a Internet. É certo que a vida na cidade está conxelada e a nivel laboral hai un arrefriamento, pero, como dirían os avós, temos saúde e iso é o importante. A parte positiva disto da pandemia é que agora temos máis tempo para falar, e en especial falar máis en galego! E queremos agradecer a todas persoas que colaboran dun xeito ou outro con este proxecto. Sen a axuda desinteresada de todos e todas os que nos apoian isto non tería sido posible.

O enlace de acceso é https://falame.gal/ ou en https://www.instagram.com/falame.gal/