«Pertencer á Chicago Symphony Orchestra era o meu soño de neno»

O músico de Barro Esteban Batallán é desde setembro o trompetista solista da prestixiosa orquestra americana


Estaban Batallán Cons volve a Barro cada vez que ten uns días de vacacións, pero este ano faino co orgullo de ter cumprido o seu soño: pertencer á Chicago Symphony Orchestra como trompetista solista.

-Ata este verán vostede tiña a praza de trompeta principal na Hong Kong Philarmonic. ¿Como leva ese cambio?

-Moi ben. Coa orquestra de Chicago xa viña colaborando dende había dous anos, pero foi en setembro cando conseguín a praza. En Hong Kong disfrutei moito, pero o meu ciclo alí xa estaba rematado e non o pensei.

-Fala vostede dun soño cumprido. ¿Cando tivo claro que a de Chicago era a orquestra da que quería formar parte?

-Dende que aos 15 anos comprei un disco deles cunha versión en directo. Dende entón medrei con eses sons e por iso integrarme agora con eles me resulta moito máis sinxelo.

-¿A traxectoria anterior foi preparatoria logo para este posto?

-Totalmente. Pero ademais tiven a sorte de ser convidado á audición polo director Riccardo Muti, con quen tamén tiven a sorte de traballar en Hong Kong. Animoume moito a dar este paso.

-¿É fácil defender o posto de trompetista solista?

-Non o é. As audicións foron moi duras. Pero logrei a praza, agora toca conservala. Hai que ter en conta que o anterior trompetista solista estivo nese posto 53 anos. Tiña un carácter moi definido e é unha responsabilidade perpetrar ese legado. Esta orquestra caracterizouse sempre pola brillantez dos seus metais, porque todas as orquestras soan diferente, todas teñen a súa propia identidade.

-¿É doado para un galego adaptarse a Chicago?

-Os galegos adaptámonos a calquera latitude. É outro concepto de vida totalmente diferente ao noso, pero teñen un bo estilo de vida. A cidade é marabillosa e a orquestra aínda o é máis. Con todo, eu non deixo de sentir morriña. A miña muller é galega e a miña familia está aquí, así que cada vez que podo regreso a casa. Pero eu medrei con ese son na orella, así que non me asusta o reto.

-¿Como foi o seu comezo na música?

-Na Escola de Barro. Tería eu 7 anos. A meu pai gustáballe moito a música e probou primeiro cos meus dous irmáns máis vellos, pero non era o deles. A min si que me gustou. De Barro pasei ao Conservatorio e fun dando pasos cara adiante ata chegar a Chicago. O meu coa música é paixón, é vocación, e procuro transmitila non só cando toco, senón tamén na miña etapa como docente.

-Con apenas 36 anos vostede ten unha ampla traxectoria profesional, como músico e como docente...

-Si. Durante 16 anos fun profesor na Academia Xoven da Orquestra Cidade de Granada, e tamén da Orquestra Nacional de Xóvenes de España e da Orquestra Xuvenil de Andalucía. Sempre tratei de inculcar aos alumnos a empatía coa música. Para chegar a ser un bo profesional hai que sentir a música como un xeito de vida.

Votación
0 votos
Comentarios

«Pertencer á Chicago Symphony Orchestra era o meu soño de neno»