«Ter tanta xente arredor comprometida con cambiar o mundo é inspirador»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

Gonzalo Rivero vive desde o 2007 en Estados Unidos onde dirixe unha unidade de ciencia de datos

30 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Rivero, ourensán de 39 anos, leva doce residindo nos Estados Unidos, onde traballa nunha empresa de investigación que realiza servizos para axencias federais e estatais. Chegou no 2007 para rematar o doutoramento en Ciencias Políticas na New York University. E alí xurdiulle unha oportunidade laboral apetecible.

«YouGov, unha empresa de investigación social especializada en enquisas por Internet ofreceume a posibilidade de incorporarme ao seu equipo de investigación científica e atraeume a posibilidade de vivir en San Francisco e probar a vida fóra da universidade sen renunciar a facer investigación», comenta Rivero. Dende o 2013 dirixe a unidade de ciencia de datos de Westat. «O sector no que traballa Westat non ten un equivalente en Europa. Westat executa enquisas oficiais similares ás de, por exemplo, o INE en España», di Gonzalo. A empresa fai avaliacións de impacto de políticas públicas, ofrece apoio loxístico e analítico para facer ensaios clínicos ou constrúe infraestrutura tecnolóxica para a xestión e análise de microdatos sociais. «Funciona coma un pequeno departamento académico e temos unha presenza moi activa en revistas científicas e congresos. O equipo que eu xestiono ten como principal responsabilidade o deseño de métodos e ferramentas computacionais e de aprendizaxe automático. Por exemplo, construímos sistemas de alerta epidemiolóxica precoz, ferramentas para a detección de datos falsificados, ou métodos de predición para facer mellor uso dos nosos enquisadores», engade.

En Washington atopou «unha cidade a escala humana, cunha personalidade propia moi definida». Hai moita xente nova e con estudos que se implica en eidos políticos, no xornalismo ou en organizacións con misións sociais. «Ter tanta xente arredor comprometida con cambiar o mundo é inspirador. Tamén cansa ás veces e dá a sensación de ser unha burbulla», matiza Rivero.

Despois de doce anos no país, o inglés xa non é unha barreira e só mantén un forte acento. Nos inicios, comenta, «adaptarse á vida diaria en inglés foi un desafío». Vivía nun entorno internacional e para moitos compañeiros tampouco o inglés era a primeira lingua. «Iso axudou moito a superar a frustración de non verte quen de expresarte con claridade. Os primeiros anos tiven a sensación de estar traducindo cada frase do galego ao inglés pero, case sen decatarte, chega o momento no que a frase en inglés che vén a cabeza antes que noutra lingua», repasa Rivero. Agora, comenta, xa lle resulta máis doado escribir ou dar unha conferencia sobre a súa investigación en inglés que en galego.

Afirma que non pode comparar o ámbito laboral de Estados Unidos co de España porque de aquí marchou cando estaba na universidade. Pero alí o ambiente é «moi competitivo». «A miña experiencia é que os meus compañeiros estadounidenses aillan a súa vida persoal da profesional. Custa ás veces establecer unha relación máis profunda», menciona. Pola diferente estrutura do estado de benestar nótase, di Rivero, «unha maior inseguridade e ansiedade. Iso, se cadra, fai que o teu traballo tome un rol máis central na túa vida». A pesar de ser estranxeiro, asegura que nunca se sentiu discriminado. «Tampouco teño o perfil que máis o podería sufrir: son branco, de Europa, con títulos académicos e cun traballo que me garante certa independencia. Vivo nunha cidade extraordinariamente liberal, argumenta.