Little Galicia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

ESTADOS UNIDOS

13 dic 2019 . Actualizado a las 11:16 h.

Estabamos paseando polo meu barrio, o West Village, un recuncho de Manhattan que durante décadas recibiu a tantos galegos coma artistas. Un barrio no que convivían a taberna White Horse (lugar favorito de Dylan Thomas, Jack Kerouac ou Bob Dylan) cos restaurantes El Faro ou o Sevilla, ámbolos dous rexentados por galegos. Expliqueilles que a que agora é unha das zonas máis caras de Manhattan tivo no seu día un microbarrio chamado Little Spain (si, coma o novo restaurante de José Andrés).

Luisa e Inés atendían á miña declaración de amor a un lugar que non fora tan diferente ao barrio no que me criei, o casco vello de Ourense. Conteilles que hai quince anos, cando cheguei a Nova York para estudar, a comunidade galega acolleume coma unha máis. Relateilles como se me encheran os ollos de bágoas ao descubrir que a historia dos galegos de Manhattan centrábase no Village, no mesmo sitio no que convivían tódolos meus ídolos das artes e a literatura. E como rematei vivindo alí, nun fermoso estudio (ao que lle chamo Liliput) que ten como propietario a un celanovés que, á súa vez, e o copropietario, xunto con outro celanovés, do restaurante Sevilla: a miña pequena Galicia en Nova York.

Entón leveinas a cear alí, e Tito de Lima, o cantante peruano que ameniza o restaurante, ao descubrir que viña cun par de amigas galegas, comezou a cantarlles os nosos clásicos populares, en galego...

A historia de Tito da para outra columna, pois cantos non galegos teñen un repertorio en galego tan amplo coma el? Pero naquel momento, coas miñas amigas, e co Lloves, o Bienvenido, o Roberto e o Cexo, pensei na idea de que Nova York tamén é «onde o mundo se chama Celanova»...