Francisco Castro, poeta galego en Nova York

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

Francisco Castro publicará unha nova novela no 2020
Francisco Castro publicará unha nova novela no 2020 BENITO ORDOÑEZ

O autor recitará no Bowery Poetry Club da cidade, onde tamén falará da cultura de Galicia na era global

03 dic 2019 . Actualizado a las 00:13 h.

O escritor e director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966) viaxa esta semana a Nova York co propósito último de promover un maior coñecemento da cultura galega, obxectivo que se organiza sobre dúas actividades distintas en ámbitos diferentes, o académico e o poético.

Castro é un dos participantes da mesa redonda organizada pola Cátedra Juan Carlos I da New York University de Cultura e Civilización Española, que actualmente ocupa Cristina Pato. Baixo o título de Bilingual Societies and Sustainability: Spain’s Other Languages, o día 5 falarán o propio Castro, a xornalista vasca Lorea Agirre e a editora catalá Rosa Rey. «Falarei de Galaxia como exemplo de xestión cultural en contextos complicados, primeiro baixo a opresión que significou o franquismo, e logo nesa opresión da globalización que representa o American way of life», anticipa o director do selo. «A intención é dar unha visión máis ampla do que é a cultura no Estado español, que non é só a cervantina, para entendernos», engade.

Esa mesma intención paira tamén sobre o recital que Castro protagonizará no Bowery Poetry Club, o primeiro dedicado de xeito individual a un escritor galego, aínda que o autor xa estivera antes, como participante do festival Kerouac, no 2017. O recital enmárcase na actividade bilingüe Se buscan poetas -dez dólares a entrada- e Castro abrirá a súa intervención coa información previa aos asistentes de que Galicia conta cunha tradición poética milenaria. Será tamén un anticipo dos versos que compoñerán o primeiro libro de versos do escritor e que verá a luz no 2021, toda unha novidade para un autor que foi deixando poemas espallados en libros colectivos ou revistas, pero que aínda non tiña un título individual no apartado lírico. Son poemas moi longos, segundo explica, e optimistas.

Non é a única novidade literaria de Francisco Castro, que en febreiro do vindeiro ano publicará outra novela, para lectores adultos, e que se editará simultaneamente en galego, castelán, vasco e catalán. O título aínda é un segredo.