Cristina Pato dirixirá a cátedra de Cultura Española da Universidade de Nova York

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

MIGUEL VILLAR

Creada en 1983, foi ocupada en cursos anteriores por Juan Goytisolo, Muñoz Molina, John Elliott ou Raymond Carr

06 jun 2019 . Actualizado a las 00:26 h.

«É unha honra grandísima», celebra Cristina Pato, feliz polo seu nomeamento para ocupar o vindeiro curso 2019/2020 a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española da Universidade de Nova York. Un posto académico no que -dende a súa creación en 1983- traballaron escritores como Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Estrella de Diego e Antonio Muñoz Molina e hispanistas do talle de John Elliott e Raymond Carr. A súa satisfacción é maior en canto que foi elixida por un grupo de profesores da propia institución e porque se trata «dunha posición no mundo académico que non garda relación directa coa música [de feito, é a primeira música designada] e que permitirá conectar diversos departamentos a través das artes».

A carreira académica de Pato nos Estados Unidos non é cousa improvisada, xa ten colaborado estreitamente con universidades como a de Harvard ou a de California. Pero na de Nova York centrará a súa actividade en poñer en marcha unha serie de conferencias, mesas redondas e eventos públicos que compaxinará cunha clase sobre as músicas invisibles do norte de España (The Invisible Music of Northern Spain). «A metáfora da gaita é perfecta para conducir este proxecto: algo perfectamente visible para nós e perfectamente invisible para outros», explica a intérprete ourensá. Seguindo este fío, di, non só abordará o problema desde un punto de vista individual, senón tamén de xeito global. «A pouco que viaxes -anota- percibes que é unha situación que non é privativa de Galicia, ocorre coas músicas de Acerbaixán, da China central ou da illa de Okinawa».

Todo isto naceu grazas á súa relación académica co profesor James Fernández, licenciado en Literatura Española pola Universidade de Princeton e catedrático da de Nova York, centro que o nomeou novo director do seu campus en España. El investigou moito sobre a inmigración invisible dos españois aos Estados Unidos nun período que vai desde finais do século XIX ata a Guerra Civil, «uns escapados que son parte irrenunciable da nosa historia».

Pato profundará neste campo de ideas a través das vías da música e da cultura. En concreto, fixará a súa mirada nas músicas galega, vasca, sefardí e outras. Ademais, organizará varias conferencias verbo de temas vinculados aos seus obxectos de investigación dos últimos anos: música e neurociencia, a sostibilidade do artista, a memoria cultural, a identidade e a perda da memoria cultural ou a situación das outras linguas en España.

Linguas e músicas

O traballo de Pato na Universidade de Nova York desenvolverase nun despacho que terá de inmediato á súa disposición no Centro Juan Carlos I, «un edificio fermosísimo no Washington Square Park», situado ao sur da illa de Manhattan. A gaiteira e pianista galega explica que as instalación do centro teñen uns equipamentos moi completos e cunha grande capacidade de produción, ferramentas que lle serán moi útiles, pois o seu papel na cátedra ten moito que ver co labor -máis alá do rol do profesorado clásico- dunha comisaria, tamén no impulso de exposicións públicas. En principio, incide Pato, de setembro a xaneiro focalizará a súa tarefa na invisibilidade das linguas do norte da península ibérica e de xaneiro a maio centrarase nas músicas.

A Cátedra Juan Carlos I busca ofrecer unha formación complementaria á impartida na propia universidade cun obxectivo principal: integrar a España en eidos nos que historicamente foi marxinada, como a economía, a filosofía ou as ciencias políticas. A persoa elixida cada ano é avaliada por un comité de profesores de Estudos Hispánicos da propia universidade.

Pato impartirá ademais un curso de verán na Universidade de California sobre memoria e migración, e o papel das artes no mundo académico, asunto que tamén desenvolveu na de Harvard. Toda a súa vida académica arredor das artes e a neurociencia está baseada no poder de comunicación dos feitos artísticos para contar historias universais. É co-creadora dunha pioneira clase sobre memoria xunto co neurocientífico Kenneth Kosik, a profesora e artista Kim Yasuda e a antropóloga Mary Hancock.