Miguel Ángel Blanco: «Kate del Castillo vaino pasar moi mal comigo na serie»

ESTADOS UNIDOS

XOAN CARLOS GIL

O sarxento Diego Bazán de «Serramoura» pásase ao outro lado da lei para reencarnar ao narcotraficante Siso Pernas na segunda entrega de «La Reina del Sur», a serie que acaba de marcar un fito nas producións latinas en EE.UU. coa súa estrea esta semana

29 abr 2019 . Actualizado a las 13:19 h.

Pasaron case dez anos da primeira vez que se puxo na pel de Siso Pernas. Un malvado narcotraficante inimigo de Teresa Mendoza, La Reina del Sur. Miguel Ángel Blanco (Cangas, 1973) é un dos protagonistas da superprodución que Telemundo estreou este 22 abril en EE.UU. e Puerto Rico. Un total de 60 capítulos que en España emitirá Netflix. Para Blanco, que xa traballou en Arxentina e Colombia antes, este é un paso adiante na súa carreira e unha oportunidade para regresar a un continente que adora.

-Estrea da serie por todo o alto: colapsando a emisión de Telemundo en Estados Unidos, como «Xogo de Tronos».

-Flipante. Parece que foi o máis visto na noite da estrea, incluídas as canles de fala inglesa, e en prime time! Superou ás estadounidenses ABC, NBC, CBS e a Univisión en audiencia. Sabía que ía ter unha boa acollida, pero isto non o agardaba. Foi unha estrea histórica para unha canle de fala hispana.

-E aparición túa tamén no programa de Jimmy Fallon. Non fisicamente, pero si nun adianto. Igual é a primeira vez que vemos por alí un galego?

-Ha, ha, ha. O anaco que escolleron para presentar a Kate del Castillo foi unha escena na que ambos pelexamos. Ilusión si que fixo.

-«La Reina del Sur II» é a estrea do ano para os latinos en Estados Unidos?

-Diría que non só para os latinos. Para Telemundo, que pertence a NBC Universal, é unha das súas superseries. Gravamos en sete países: Rusia, Romanía, Italia, España, Belice, México e EE.UU. Sen escatimar gastos. Co avance tecnolóxico das novas cámaras, a factura da produción é impresionante.

-Houbo que agardar oito anos para a segunda parte de «La Reina del Sur». Por que tanto tempo?

-O libro de Arturo Pérez-Reverte non ten unha segunda entrega, así que ninguén esperaba unha segunda parte. Foi unha sorpresa maiúscula, é rarísimo isto no mundo das series, que a segunda temporada chegue oito anos despois.

-Creo que Kate del Castillo se opoñía a ela?

-A Kate tiveron que convencela. E, para iso, foi imprescindible Arturo Pérez-Reverte. Veu ata España e reunise con el. Reverte participou no desenvolvemento das liñas argumentais da serie.

 

-A serie vén cargada de acción.

-Si, moita. O punto de arranque é o secuestro da filla de Teresa Mendoza, a personaxe de Kate. A vinganza estará presente en toda a trama.

-Outra serie de narcotráfico?

-A diferenza da primeira, esta vai máis alá. O narcotráfico queda nun segundo plano. Hai un compoñente máis político. Abórdase a corrupción en México, as conexións con EE. UU. dos cárteles. E, por outra banda, está a propia historia persoal de Teresa Mendoza.

-É unha produción internacional tamén no reparto.

-Intervimos españois, mexicanos, chilenos, italianos, norteamericanos, colombianos... Entre os españois fixemos moi bo equipo, fomos unha piña en Bogotá. Están Jesús Castro, Luisa Gavasa, Eduardo Velasco, Carmen Navarro, Cuca Escribano... Pasámolo de marabilla.

 -Como foi o reencontro con Kate del Castillo?

-Todos maduramos. Eu véxoa máis comprometida, co seu país e cos seus compañeiros. Ela di que ten moitos medos, todos os actores os temos. Pero, traballando, móstrase sempre segura. É unha actriz contundente, con moito carisma e forza. A serie susténtase nela, sempre está presente. A súa mirada, a súa enerxía, ten moito magnetismo.

 -E como compañeira?

-Moi humilde, non vai para nada de actriz diva, é moi accesible.

 -Escoitei que había un pique nas ceas?

-Non se lle pode seguir o ritmo! Nin de broma! Antes de cear, o primeiro que piden é un tequila. Coma nós co licor café, pero peor. Kate ten a súa propia marca da bebida, Tequila Honor del Castillo.

 -Fas de narcotraficante galego?

-Si, repito coma Siso Pernas, personaxe do libro de Pérez-Reverte aínda que, aquí, os guionistas non teñen unha idea clara do que é o narcotráfico en Galicia. Houbo que adaptar unhas partes do guión.

 -Tiñan escenas moi duras?

-Vou xogar con moitos utensilios cortantes [sorrí, Miguel]. Digamos que Siso Pernas parecía máis un narco mexicano que galego. Para facelo verosímil introdúcese unha compoñente psicolóxica: o trauma por unha morte que xustifica a súa faceta tan agresiva e explosiva.

 -Por que se gravou en Colombia se boa parte da trama sucede en México?

-É máis barato rodar en Colombia e que Kate del Castillo non podía entrar en México. Arriscábase a que a detivesen.

 -Por que lle cae tan mal Teresa Mendoza a Siso Pernas?

-Cúlpaa da morte do seu pai. O seu obxectivo en toda a serie será vingarse.

 -Tedes moitos cara a cara?

-O certo é que llo vou facer pasar moi mal. Vai sufrir moito comigo.

 -Como está ser a volta á casa?

-Quero facer un pouco de limpeza mental. Estiven nunha obra da Zarzuela, en Madrid, teño intervencións episódicas en La que se avecina e unha curta na que participei irá a Cannes. En Bogotá aproveitei cada minuto. Representei no teatro un texto que tiña de Galicia, Novecento. O bo desa cidade é que sempre están abertos a propostas. Agora teño un par de proxectos por confirmar, pero non podo desvelar nada aínda.

 -Medio ano en Colombia deu para traballar, pero tamén para viaxar?

-Fun ao Amazonas, a Santa Marta, á Cidade Perdida e ao parque do Tayrona, unha marabilla.

 -Só?

-Si, e non hai mellor experiencia que atoparte só no Amazonas, escoitando o que hai ao teu redor: unha natureza bestial, exuberante. Alí todo é grande. As árbores, as plantas. Non te podías mover nin un milímetro en falso. Sempre había algún insecto ou animal disposto a sacarte do medio. Fago un inciso! Cando entrei na selva, ía cun guía!

 -Medo?

-Pasei de todo. A selva ten iso, a vida e a morte están presentes a cada paso que dás. O Amazonas é unha metáfora da vida.

 -Soa moi místico.

-Ha, ha, ha. Si, pero é que é así. Na selva hai algo que transcende máis alá da vida e da morte. En occidente vivimos moi desconectados do misterio, da natureza. A revolución tecnolóxica fixo que nos afastáramos dela. Tamén en Galicia, que foi desas historias de meigas? Deostamos esa tradición.

 -A mellor experiencia é escapar?

-Agora, de volta na casa, lembreime de Miguel de la Quadra-Salcedo, dunha entrevista que vira en TVE de pequeno. Dicía que, aínda que viaxara moito, a verdadeira viaxe era a interior. ‘Yo no me conozco, no sé quién soy’, contara.

 -En pleno Amazonas, creo que descubriches un vínculo con Galicia...

-O pobo base no que estaba chámase Puertonariño. Cando preguntei pola súa orixe ninguén sabía, só lles soaba que fora o nome dun barco. Comecei a investigar, na vila só hai un punto de conexión a Internet.

 -E que pasou?

-O Nariño do barco era por Antonio Nariño. O fillo dun emigrante de Val do Dubra que se converteu nun dos próceres da independencia de Colombia. Pero iso non foi o único.

 -Que máis pasou?

-A camareira do bar ao que ía apelídase Fandiño!