Portal Nova Diáspora: a fiestra á última vaga migratoria en Galicia que abre o Consello da Cultura

A nova emigración galega en Nova York achegaralle á presidenta do Consello as súas propostas para este portal de Internet durante a visita para inaugurar «Os adeuses» en Ellis Island


Santiago / La Voz

Que podemos ofrecer á diáspora que non temos feito xa, ademais de contarmos cun Arquivo da Emigración Galega? Esa foi a pregunta que se fixo o Consello da Cultura. «Consideramos que era o momento de ollar cara ao presente e ao futuro», explica o vicepresidente, Xose Manoel Núñez Seixas. Mirar o presente é ollar a saída de voos de baixo custe nos que viaxan galegos e galegas á procura dun futuro mellor. O mesmo obxectivo co que hai un século, os seus antergos metían a vida nunha maleta de cartón e subían nun buque para atravesar o mar. Así que mirar ao presente e ao futuro é mirar á tecnoloxía. A Internet. Por iso, o Consello porá en marcha un portal de Internet dirixido de xeito moi específico á nova diáspora».

A relación comezará a estreitarse esta fin de semana, cando quede marcado un fito na proxección da cultura galega no exterior. Será nun dos símbolos da emigración, Ellis Island, a porta de entrada de milleiros de inmigrantes a Estados Unidos. A inaguración da exposición Os adeuseseste sábado aos pés da estatua da Liberdade servirá para dar a coñecer a experiencia da diáspora galega a través das fotografías de Alberto Martí, que narran as saídas dos galegos e tamén os seus regresos, así como un capítulo non tan coñecido: o secuestro do buque Santa María, que facía a ruta Caracas-Lisboa-Vigo.

«É a primeira vez que os galegos como grupo ético emigrante temos presenza» nese símbolo que é Ellis Island. Explicábao esta mañá o vicepresidente do Consello da Cultura, o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, a piques de cruzar o Atlántico para participar nunha inauguración na que tamén tomarán parte a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Galicia estará presente ata maio en Nova York non só a través do medio cento de fotografías que compoñen Os adeuses. Tamén cun completo programa de actividades que inclúe a institucións, a colectivos galegos en Nova York e charlas e debates científicos.

 A viaxe a Nova York servirá para iniciar unha serie de encontros coa nova diáspora galega nas diferentes cidades nas que se foi asentando. O venres tocarálle á emigración galega en Nova York, que se reunirá no Centro Rei Xoán Carlos de Washington Square. Grazas á colaboración de Cristina Pato, varios representantes da nova diáspora manterán un encontro coa presidenta do Consello, Rosario Álvarez, para achegar ideas sobre como debe ser esa nova fiestra aberta á Galicia non continental. 

Rosario Álvarez tamén manterá encontros coa colectividade de Newark (Nova Jersey) e visitará a Casa de Galicia en Nova York e a Hispanic Society. Ademais, canda a Núñez Seixas e Emilia García, responsable de Acción Exterior do Consello da Cultura, manterán un encontro cos responsables do museo de Ellis Island para intercambiar experiencias e impresións sobre a musealización das migracións galegas, unha vella reivindicación que é tamén unha das apostas máis decididas do Consello da Cultura para este ano. «Esta visita dános a oportunidade de establecer redes de coñecemento museolóxico aparte de académico», explica Núñez Seixas. 

E, por suposto, haberá debates científicos. A programación abrirase cunha charla sobre a emigración galega en Nova York no Instituto Cervantes na que participarán o antropólogo James Fernández; o profesor vigués Álex Alonso; o xornalista Alberto Avendaño e o propio Núñez Seixas como historiador das Emigracións. 

O martes falarase sobre a migración galega ás Américas, con Álex Alonso, Núñez Seixas e o profesor José Moya, que dirixe unha cátedra sobre estudos migratorios na Universidade de Columbia.

Ademais, na primeira semana de marzo haberá coloquios sobre memoria histórica na Galicia, de actualidade tanto polo futuro do Pazo de Meirás como polo xuízo para que  a familia Franco devolva as estatuas de Abraham e Isaac do mestre Mateo, e sobre o pasado, o presente e o futuro da cultura galega.

Votación
3 votos
Comentarios

Portal Nova Diáspora: a fiestra á última vaga migratoria en Galicia que abre o Consello da Cultura

Este proyecto ha sido cofinanciado por