
A artista estrea nun concerto hoxe na Universidade da Cidade de Nova York temas do seu vindeiro álbum
08 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Cando se lle pregunta a Mercedes Peón que tal en Nova York en vésperas do seu concerto na cidade, responde con información meteorolóxica: «Moi ben. Como en casa. Non vai nada de frío e ata choveu. Imos levar a chuvia para aí». Non é unha cuestión trivial: a cantante non chega co seu espectáculo estándar alá onde ten que actuar, senón que os propios lugares condicionan o seu traballo porque interactúa con eles. Peón traballa eses espazos sonoros coa súa intuición: «Inflúe como me sinto, busco ser quen de expandirme dentro da sinceridade, busco unha conexión que teño que atopar». Esa conexión tampouco é trivial, porque en virtude dela a actuación converte a Mercedes Peón nunha ponte entre o lugar onde vai e o lugar de onde procede, en consonancia tamén coa súa música, que parte dunha raíz para expandirse libremente. No caso do concerto en Nova York, unha ponte atlántica, e que ademais se celebra na institución universitaria onde se doutorou cunha tese sobre Cunqueiro Xoán González Millán, outra ponte pola que a literatura galega viaxou a Estados Unidos.
A cita servirá tamén para que Peón traslade a novos ámbitos as cancións que naceron noutros moi distintos. A cantante estreará algún dos temas que formarán o seu novo disco, Déixaas, cuxa publicación está prevista para a primavera. Peón defíneo como «unha volta a Galicia» e ao seu entorno sociopolítico máis inmediato. Por exemplo, unha das composicións emprega sons gravados nos estaleiros de Navantia durante a construción dun portaavións. «Ten máis de sesenta pistas de son distintas», explica Peón. É un lugar onde conflúen «historias de todo tipo», que van dende as minúsculas faíscas que saen dunha rebarbadora ao cortar metal ata o muro e a cidade. Tamén atopa fontes de inspiración na poesía, unha arte pola que sente unha admiración especial. En Déixaas haberá cancións coas pegadas de autoras como Yolanda Castaño ou María Reimóndez. Peón inspirouse na personaxe dunha novela desta última escritora, unha muller que nace na India pero por mor da emigración familiar múdase a Escocia: as cuestións de identidade, de xénero e de lingua trasladadas á música.