No corazón das novas tecnoloxías

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

O carballiñés Javier Rodríguez González ante unha das referencias de San Francisco, o Golden Gate.
O carballiñés Javier Rodríguez González ante unha das referencias de San Francisco, o Golden Gate.

O carballiñés traballa para a multinacional Riverbed Technology

20 oct 2014 . Actualizado a las 08:02 h.

Ao IES nº 1 de O Carballiño acudía Javier Rodríguez González en setembro do pasado ano para protagonizar a apertura de curso 2013-2014. Na iniciativa, que puxo en marcha hai anos a dirección do centro e que está centrada en aportar aos alumnos visións sobre as saídas laborais e as experiencias vividas logo de pasar polo instituto, o enxeñeiro da multinacional informática Riverbed Technology explicou a súa traxectoria tras estudar nas aulas do centro de Señorín.

Dende que se incorporara á súa actual empresa no 2008, Javier Rodríguez reparte o ano entre as súas estadías en Madrid e California por motivos profesionais. Una circunstancia á que engade desprazamentos por todo o mundo: «Ao ter un posto de emprego interglobal tes unha zona de traballo asignada -no meu caso Europa, Sudáfrica e outros países- pero é unha responsabilidade global para estar en calquera posto de venda ou proxecto, daquela ás veces teño ido a Xapón, Brasil e a outros países onde te reclaman para apoiar iniciativas, presentacións ou posta en marcha de programas específicos».

A responsabilidade do carballiñés na multinacional tecnolóxica está orientada á prebenda: «Explicacións ou demostracións de produtos e cometidos dese estilo. Ou cando hai problemas gordos: deseños e proxectos complicados, actuacións para facer máis competitivas as empresas, montaxes de redes, adaptación de produtos ao novo entorno ou, se é o caso, proxectamos á medida do que se nos poda demandar por parte dos clientes».

A firma Riverbed Technology é unha empresa especializada en mellorar o rendemento das redes e aplicacións en rede. Con sede en California, no 2013 foi nomeada como unha das dez empresas tecnolóxicas máis poderosas do mundo. Dende setembro do 2006 as accións da mesma cotizan no NASDAQ, a bolsa de valores electrónica.

Logo destes anos de experiencia, Javier Rodríguez afronta agora un cambio radical, anceiado e desexado, no seu futuro inmediato. Nas vindeiras semanas trasladarase definitivamente a vivir a California para traballar na sede central de Riverbed Technology, algo que desexaba facer hai tempo e que agora se converterá en realidade. Recoñece o carballiñés que esa era a súa asignatura pendente: «Cheguéi a un acordo coa empresa para ir á oficina principal, que está en San Francisco». Matiza que non é tanto por cuestión de proximidade -«aquí tes as mesmas posibilidades de desenvolver a túa carreira profesional estando en calquera das oficinas da empresa, de Madrid a Santa Clara, porque hai unha relación directa e sempre se toman en consideración as aportacións e propostas»- como por desenvolverse profesionalmente no espazo xeográfico no que se atopa o corazón das empresas tecnolóxicas. O seu novo destino facilitaralle estar en contacto «cun entorno no que están as referencias mundiais para as empresas do sector, dende un centro universitario como o de Stanford a Silicon Valley, con Google, Facebook e as iniciativas máis punteiras no que a novas tecnoloxías se refire». As previsións de Javier Rodríguez González pasan por traballar en San Francisco os vindeiros cinco anos, o prazo máximo deste tipo de contratos, e logo decidir se queda ou volta a Europa. Aínda que, neste momento, a súa prioridade é Estados Unidos.