Galicia vive con forza en Barakaldo

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

Grupos de baile e música do centro, disfrutando este días no seu local.
Grupos de baile e música do centro, disfrutando este días no seu local. S. G.

O centro galego, creado en 1901, ten unha intensa axenda das Letras, pero o seu traballo vese a diario, con máis de medio milleiro de socios

18 may 2024 . Actualizado a las 10:19 h.

É bo de atopar o Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, que ese é o seu nome, aínda que non se saiba a dirección exacta. Van aparecendo as vivendas do Grupo Santiago Apóstol, o bar Nogueira, o bar Miño, a rúa Breogán, a rúa Galicia... Pasa xente que vai falando galego e lembra sensacións vistas en Delémont (Suíza) e Puerto del Rosario (Fuerteventura) nos tempos de maior emigración.

El presidente, Urbano Alba, y el vicepreidente, Roberto Becerra
El presidente, Urbano Alba, y el vicepreidente, Roberto Becerra SANTI GARRIDO

E de súpeto, un cabazo de pedra, sobre unha rúa empedrada con material de Pontevedra, e máis aló unha escultura de Rosalía con tres nenos. Si, aí está o que se busca. O centro constituíuse no día de San Xoán de 1901. É o máis antigo de Europa, e chegou despois das sociedades de La Habana (1871), Montevideo (1879) e Avellaneda (1899), segundo os datos da Secretaría Xeral de Emigración. As minas, a siderurxia, a industria en xeral, foron levando cara a esta zona obreira próxima a Bilbao familias enteiras de galegos, sobre todo da provincia da Coruña. E aí naceu un centro (a actual é a segunda sede) que xa vai cara aos 125 anos e que mantén a lingua, a cultura e a historia de Galicia con forza. Algo que, como é sabido, xa poucos centros galegos (ou asimilados) poden dicir, aínda que os hai.

SANTI GARRIDO

Estes días a actividade é intensa polas Letras. A programación, que xa lles gustaría ter a moitos concellos de Galicia, empezou o día 10 e rematará mañá. Hai actuacións moi diversas, conferencias, presentacións de libros, a imaxe de Luísa Villalta está por todas partes... E iso que a nova directiva, que apenas leva mes e medio, di que non tivo moito tempo. Urbano Alba Gómez é o presidente.

Leva 35 anos en Barakaldo, e chegou de Agolada. Está con el Roberto Becerra Varela, criado na cidade vasca, con orixe en Boimorto e dende neno implicado en todo canto grupo de baile e música e actividade houbo. E non son poucas as opcións. Hai grupos de danzas, coro, cantos de taberna, música tradicional. Teñen cerca de 600 socios, pero xa houbo máis. Hai un de 96 anos, e tamén bastantes nenos: as terceiras xeracións manteñen a tradición.

SANTI GARRIDO

A diario pasan moitos pola sala de cartas, a biblioteca, a sala de gaitas, as oficinas, a presidencia... Ou o bar restaurante, que teñen alugado. Uns dous mil metros cadrados de Galicia no País Vasco. Moito volume de cousas e moito traballo, como explican os dous responsables, pero tamén moito ánimo para facelo. Han de ir chegando máis obradoiros para incrementar os socios, como bailes de salón ou ximnasia. E manteranse actividades destacadas todo o ano, sobre todo as das festas de Santiago, con orquestras e gastronomía chegadas de Galicia.

SANTI GARRIDO

«Este é o barrio dos galegos, xa lle chaman así aquí. Sempre os houbo, e ségueos habendo. Moitos marcharon para outras partes da cidade ou da provincia, pero por aquí aínda quedamos», sinala Urbano, que fala mentres na sala do lado mozos e mozas tocan e bailan pezas tradicionais.