O madrileño con sangue de Ribeira que difunde a música e a cultura de Galicia

Co seu trío, Amorei, publicou un disco con versións das cantigas de Martín Codax


Ribeira / la voz

Mentres aquí en Galicia semella que ao galego lle custa equipararse ao castelán en canto a porcentaxe de uso por parte dos cidadáns, fóra da comunidade hai quen non só lle concede un gran valor, senón que non dubida en espallar a lingua e a cultura da terra que veu nacer a Rosalía de Castro. Un deses estudosos e divulgadores é José Escudero (Madrid, 1960). Desde a capital de España, onde naceu, e desde Salamanca, onde reside actualmente, achega o seu gran de area para que a música tradicional galega traspase fronteiras.

É certo que ten raíces galegas, concretamente en Ribeira, pero asegura que non foi iso o que marcou a dirección dos seus pasos: «De feito, a miña familia é castelanfalante e eu aprendín o galego en Madrid». Por estraño que poida parecer, Escudero asegura que é algo habitual: «Hai cantidade de xente que estuda galego fóra de Galicia e que se mergulla en círculos vinculados coa cultura galega. Aínda que despois desapareceron en boa medida, a comezos dos 80 había en Madrid un feixe de asociacións culturais galegas que integraban a escritores e intelectuais. Nelas tiven de compañeiros a Celso Emilio Ferreiro ou Raimundo Patiño».

Foi nese contexto no que xurdiu a paixón de Escudero pola música e que o levou a aprender a tocar diversos instrumentos, entre eles, a gaita galega: «Tiven o luxo de recibir formación de Xosé Manuel Seivane e foi el o que me fixo todas as gaitas que teño». Neste eido, o último proxecto que emprendeu leva por título Cantigas tropicais. Nel, xunto coa guitarra e o acordeón de Luiz Gibson e a voz de Rocío Gálvez, cos que integra o trío Amorei, ofrece versións das cantigas de Martín Codax.

Anteriormente, xa tiña traballado en temas relacionados co folk e participado en festivais de danzas do mundo, pero nesta ocasión decantouse por reivindicar a cultura galega collendo como referente a un trobador «que ten unha repercusión mundial brutal». O resultado é un disco no que se funden os mundos galego e portugués, pois todo comezou cun xogo de improvisacións entre o músico de sangue ribeirense e o brasileiro Luiz Gibson: «El propoñía harmonías abertas e eu sumábame. Gustoume a idea, así que decidimos traballala e poñerlle voz».

O disco, que se presenta case como se fose un directo, inclúe as sete cantigas que se conservan do xograr, aparecidas no Pergamino Vindel, ás que se lle engadiron outras tres de Santa María de Alfonso X, sobre milagres ambientadas en Segovia. O cedé complétase cun libreto que foi traducido a diferentes idiomas Na revisión da versión ao galego-portugués colaborou o ribeirense Quico Cadaval.

Volta ao pasado

Escudero tivo claro que o idioma non sería unha barreira para que o seu traballo traspasara fronteiras: «É unha música que interesa moito fóra, ten unha proxección internacional impresionante. É a nosa verdadeira música clásica, aparte da folclórica». É máis, nos poucos concertos que Amorei puido ofrecer ata o de agora, debido á pandemia, comprobou que as cancións teñen tirón: «En Ávila puxen a todo o público a cantar fragmentos en galego medieval e fixérono sen ningunha dificultade. Nestes casos sempre digo que estamos facendo algo que non acontecía desde hai 700 anos, porque é unha lingua que daquela se empregaba fóra de Galicia».

A nivel profesional, Escudero dedícase en Salamanca a temas relacionados coa produción cultural e coa tradución do galego, e é tamén intérprete xurado deste idioma e do portugués; foi de feito un dos primeiros profesionais en exercer este cometido, que ten como obxectivo os documentos oficiais. Con frecuencia visita Ribeira: «Gústame a costa, pero tamén a historia que encerra o territorio e teño traballado nas mámoas da Curota coa USC». Apunta que ten pendente desenvolver algunha iniciativa musical vinculada á comarca. De momento, conformaríase con traer a Galicia a súa proposta sobre as cantigas de Martín Codax, un traballo que cualifica de orixinal e apto para todos os públicos.

Votación
0 votos
Comentarios

O madrileño con sangue de Ribeira que difunde a música e a cultura de Galicia