Alumnos brillantes que fixeron as maletas

Xiana Fole Garza OURENSE

ESPAÑA EMIGRACIÓN

Estos tres xoves ourensáns acadaron grandes recoñecementos de estudantes e agora desenvolven a súa profesión fóra da cidade

09 ago 2020 . Actualizado a las 14:23 h.

Nados en Ourense, foron alumnos destacados das súas promocións, tanto no bacharelato coma nas probas de acceso á universidade. Os tres marcharon de aquí para estudar e, aínda que os seus camiños resultaron moi distintos, todos teñen en común o feito de que agora desenvolven a súa carreira profesional fóra da cidade ou ata do país: en León, en Viena e en Idaho.

DAVID VISO: médico da área de dixestivo

«En la carrera me surgió la vocación»

Hai doce anos que David Viso Vidal (1990) pechaba a súa etapa no IES As Lagoas para trasladarse ás aulas da histórica facultade de Medicina, en Santiago de Compostela. Fíxoo con méritos ás costas, sendo un dos alumnos galardoados co Premio Nacional de Bacharelato de 2007-2008. Ó longo do seu carreiro académico, David non fala de decisións prematuras nin de tendencias vocacionais temperás; máis ben de afiar os seus gustos a través da experiencia. A propia escolla da carreira foi froito das súas boas notas, como rapaz que sempre estivo interesado nas ciencias. «Estudiando la carrera, cada año me iba gustando más y me veía más como médico. Fue ahí cuando surgió la vocación», explica. Non foi ata ter unha visión global da medicina cando se decantou pola especialidade de dixestivo: catro anos de residencia MIR en León, que remataron nun contrato como médico adxunto. E dende entón. Durante a pandemia, foi un dos sanitarios traballando na planta de ingresados por covid-19 do Hospital de León, nunha das comunidades autónomas máis afectadas polo virus, con máis de 20.000 casos confirmados. «El hospital estaba a más del 90% ocupado por el covid, así que todos tuvimos que dedicarnos a eso. Fue una experiencia que esperamos que no tengamos que repetir», conta. E de momento quedará en León, aínda que lle gustaría volver a Galicia nun futuro se as condicións son boas.

Tantos anos despois de rematar o instituto como alumno prometedor, di estar satisfeito e facendo o que lle gusta. Pero tamén concorda en que as boas notas non son ningunha determinación de éxito. «Tú puedes sacar buenas notas y no tiene que ver que tengas futuro. Yo, afortunadamente, no he tenido problema, pero incluso dentro de la medicina no es lo mismo unas especialidades que otras. Si no hay demanda en la profesión que escoges, no hay que hacerle. Tengo compañeros con un montón de másteres y doctorados, que a nivel de títulos seguramente estén más dotados que yo, y no tienen las mismas oportunidades», recoñece. Para a mocidade que vaia entrar na universidade, recomenda que escollan sempre o que lles guste, alén da nota ou do prestixio da titulación. «Escoger algo que no te gusta solo va a hacer que vayas a contra remolque, no tiene sentido meterse en medicina obligado por el tema del numerito», conclúe.

NEILA GARCÍA: Tradutora e intérprete

«Case nunca me dou por satisfeita»

Exalumna de Salesianos, Neila García Salgado (1991) foi a mellor nota da selectividade galega na promoción do 2009. Once anos despois, reside en Viena e traballa como tradutora temporal e externa nas Nacións Unidas.

Estudou en Salamanca a carreira de Tradución e Interpretación, con inglés e alemán, estudos que rematou co Premio de Excelencia de Fin de Grao. Neste período, o seu afán polas linguas levouna a realizar intercambios académicos coa Universidade sueca de Göteborg e con Heidelberg, en Alemaña. O éxito académico trasladouse logo ó plano laboral. Así, ó longo da carreira e dende que a rematou Neila traballou para múltiples empresas e institucións, dende as Nacións Unidas ata a Garda Civil, pasando por ACNUR, o Consello de Dereitos Humanos en Xenebra ou uns cines salmantinos. Ó rematar os estudos estivo traballando nunha axencia de tradución madrileña e nunha xestoría de proxectos londiniense. Ademais, a súa tradución ó castelán da poeta fino-sueca Edith Sodergrän foi galardoada co Premio Nacional de Tradución de 2018.

Neila defínese como unha persoa movida pola curiosidade, cun afán de superación persoal que fai que ningún traballo pareza ser un punto final: «Laboralmente estou contenta, teño traballo, que xa é bastante, e ademais estou facendo o que me gusta e o que estudei. Pero case nunca me dou por satisfeita, sempre quero novos desafíos. Son moi curiosa e ás veces penso en facer outras cousas, algo relacionado coa comunicación, coa xestión cultural... Tamén me gusta moito a docencia, non descarto nun futuro dar clase». Ou, quizais, volver a esa vida académica da que saíu pola porta grande. «Rematei a carreira e comecei a traballar, así que non tiven ocasión de facer un máster ou un doutorado; hai temas que me interesan moito. Sempre teño ideas na cabeza», recoñece.

A ourensá di botar de menos a súa cidade natal, máis agora que leva un tempo sen volver. Pero tamén bota en falla a vida universitaria en Salamanca, os amigos, as experiencias do Erasmus e, sobre todo, ter tempo libre para ela. «Unha cousa coa que non estou satisfeita é que traballo moitísimas horas e fins de semana. Gustaríame cambialo xa que son eu mesma a que elixe, ó ser autónoma, que traballo escoller e cal non», sinala. Cal será o próximo proxecto e desafío da ourensá, sexa en Viena ou noutro lugar, só o sabe ela.

leticia vázquez: enxeñeira química

«En EE.UU. hai máis oportunidades»

Dende EE.UU., onde vive e traballa, Leticia Vázquez Bengochea (1994) lembra os seus anos universitarios. Exalumna do IES Blanco Amor, foi a segunda mellor nota de Galicia na selectividade de 2013, ano no que fixo as maletas para mudarse a Santiago e estudar Enxeñería Química. Durante a carreira tivo a oportunidade de realizar un intercambio coa Universidade de Arizona, o que sería, sen ela sabelo, determinante para o seu futuro: alí coñecería a un profesor que facía investigación en semicondutores, especialidade á que agora se dedica. Así, cando rematou o grao decidiu volver a Arizona, estudar un máster e traballar como asistenta de investigación. Os tres meses de prácticas nunha empresa de procesadores en Nova Iorque e os artigos que publicou sobre o tema abríronlle as portas para atopar traballo en EE.UU., unha vez graduada, na empresa Micron Technology. A multinacional, especializada na fabricación de chips de memoria, memorias RAM e discos duros, ten a súa sede en Boise, capital de Idaho, onde Leticia traballa como enxeñeira de desenvolvemento de procesos para a fabricación de ditas memorias.

Lonxe esta a súa posición actual de calquera cousa que puidera imaxinar anos atrás. «Ó escoller grao case entro en Química, que non ten nada que ver. E xa durante a carreira, non se me pasaba pola cabeza que fose a traballar no campo dos semicondutores. Pero foi algo que me gustou cando comecei a investigalo e estou contenta. Non quere dicir que nunca vaia cambiar, acabo de empezar, coma quen di», indica. O estranxeiro supuxo para ela oportunidades que non cre que lle acontecesen aquí: «Todos sabemos cales son as condicións en España cando te acabas de graduar. Aquí dánselle máis oportunidades á xente moza, de teren postos con mellores condicións onde poden facer o que lles gusta». A diferenza, di, está no sistema educativo dende o comezo. «En España temos moitísima mellor formación, si, en EE.UU. o nivel de esixencia é menor. Pero iso tamén permite que os estudantes poidan pasar tempo investigando, en contacto con empresas, en clubs... O tema dos contactos está moito máis presente e penso que iso axuda moito a atopar un traballo que che guste», explica. Ós alumnos que van comezar a universidade, Leticia diríalles que se involucren naquilo que lles guste, dentro e tamén fóra de clase.