«De Navia saían tres autobuses todas as semanas con emigrantes para Barcelona»

O pequeno concello da montaña sufriu un constante goteo de emigrantes que cada verán volven de visita


navia de suarna / la voz

Nos anos corenta, en Navia de Suarna vivían preto de 8.000 persoas. Agora quedan pouco máis dun milleiro. Durante décadas a emigración foi sangrando un concello que chegou a ter máis habitantes fóra del ca nos seus límites. O seu alcalde, José Fernández, foi un dos tantos que no seu día fixo a maleta en busca dunha vida mellor, aínda que o seu camiño, por fortuna, foi de ida e volta.

-Vostede foi emigrante.

-Si, emigrei con 18 anos porque emigrabamos todos. Había unha ambición de saír porque aquí non había traballo. As condicións non é que foran malas, pero era trabllar para subsistir e pouco máis.

-Para onde foi?

-Directamente a Barcelona, como o 80 % dos emigrantes de Navia. Eu xa ía con traballo. Tiña alí unha irmá que me dixera se quería ir e tamén tiña alí veciños da parroquia, de Murias. A Navia que había en Barcelona era máis grande cá que había aquí. Xa nese momento había un autocar que saía semanalmente de aquí a Barcelona e logo retornaba. Era como unha liña regular de viaxeiros; daquela era o ano 76.

-Como é iso da liña a Barcelona?

-Existíu ata cerca dos 90. Saía de aquí os venres e volvía os domingos, e iso era porque parte das empresas tiñan tamén o transporte escolar e tiñan que compaxinalo. Había unha empresa que era Jaimito e García, outra que era Hermanos Toxedo, e outra García, de Mera. De Navia saían tres autobuses con emigrantes todas as semanas en dirección a Barcelona.

-E como eran esas viaxes?

-Cando eu fun era de 24 horas. Lembro que marchei un día ás 10 da mañá, saía o autocar da parroquia de Rao, parabamos en Navia, comiamos en Becerreá e logo para Barcelona. Chegabas ao día seguinte. Levaba xente do concello de Navia e dos arredores, e de Cervantes saía outro. Lembro que no mes de agosto igual viñan cada día seis ou sete autocares por cada empresa, igual se xuntaban 14 ou 15 autobuses descargando xente todo o día en datas puntuais: matrimonios, fillos…

-Eran emigrantes que viñan pasar as vacacións, entón.

-Si, nese tempo as vacacións eran un mes completo. Moita xente de aquí marchou traballar á Seat, aínda que realmente traballaban no que podían. O que pasa é que como ían tantos, uns avisaban aos outros cando había postos de traballo.

-No seu caso, a que se dedicou?

-Cheguei un sábado e fun traballar un luns. Traballaba nunha empresa de automoción, de aceites, graxas... Estiven case tres anos, fun á mili e tocoume Barcelona de novo. E logo xa fixen un curso para Telefónica, aprobeino e ingresei no ano 80. Tocoume ir para o País Vasco e alí estiven dous anos e dous meses. Regresei dous anos a Barcelona e despois a Becerreá. En total, estiven 9 anos emigrado.

-E tiña suspiros de volver a Navia?

-Dende que emigras sempre tes a ansia de volver se hai posibilidade. No meu caso deuse e regresei, non o pensei nin un momento.

-E nalgún momento botou en falta a gran cidade?

-Eu estando aquí esquecíao todo. Non é que alá non tivera bos momentos, non me arrepinto de ter emigrado, pero de ter regresado tampouco me arrepinto. Navia ten unha calidade de vida moi superior a calquera outro sitio que coñeza.

-Segue habendo unha Navia máis grande fóra cá de aquí?

-Si, sen dúbida. Hai moita emigración fóra, dende os anos 60 houbo unha emigración brutal ata os 90.

Votación
0 votos
Comentarios

«De Navia saían tres autobuses todas as semanas con emigrantes para Barcelona»