«A Costa da Morte forma parte de min»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

GENTES DEL FINIS TERRAE | Antía Muíño Sánchez | Con pai de Baio e nai de Cee, medou no Milladoiro e rematará este ano no Musikene vasco

21 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa casa escoitouse rock «dende sempre», mais non só este estilo lle tira. Tamén o folk e a música galega (ata a adolescencia integrou un grupo de cantareiras e pandereteiras), o jazz ou a bossa nova, na que ultimamente se sente tan cómoda. A maiores, está o mundo da música clásica. Antía Muíño Sánchez, con nai de Cee e pai de Baio -o alcalde zasense, Manuel Muíño-, naceu na Coruña (1992). Foi algo case que accidental. Logo criaríase no Milladoiro, que é onde reside de xeito cotiá, e faría toda a súa vida en Santiago: «Estudei alí, as miñas amigas están alí e todo o meu círculo tamén, en Santiago». Do colexio Pío XII pasou ao instituto Rosalía de Castro e, logo, á facultade de Dereito da USC. Compaxinaba, ao tempo, os estudos de guitarra, cos graos medio e profesional feitos no Conservatorio compostelán.

Rematadas ambas titulacións mudouse a San Sebastián, onde neste 2019 rematará o cuarto e último ano do grao superior de guitarra que está a facer no Musikene, o Centro Superior de Música do País Vasco. Nel ata integra un coro onde lle vai dando algo o euskera. Admira a grande sonoridade do idioma: hai sons que, di, lle son comúns ao galego.

«Cando chegou o momento de decidir, decindín darlle unha oportunidade á música»

Internouse no Dereito «un pouco por probar», porque, coma tantos estudantes, non tiña moi claro cando rematou o bacharelato cara onde quería tirar. «E gustoume, pero cando chegou o momento de decidir, decidín darlle unha oportunidade á música e seguir por este camiño. Dereito é algo que me gusta, algo que teño aí». Non ten moi claro por onde pasará o futuro, aínda que de momento séntese motivada pola vertente artística: «Ao final isto é algo moi absorbente, un mundo con luces e sombras, pero no que o bo é o que che tira e o que che engancha, por así dicilo», conta dende San Sebastián.

Nadal, Semana Santa ou o verán son tempos nos que volve a Galicia: «Non sei cando regresarei definitivamente, nin se será este ano, ou para o que vén. Se farei un máster ou irei a outra cidade a probar sorte, pero si teño claro que a miña idea é volver algún día e, sobre todo, seguir tendo esa conexión con Galicia». Dentro do territorio hai unha comarca especial, a Costa da Morte, xa sexa polas vacacións ou polas visitas aos familiares tanto en Baio como en Cee. Máis alá dunha localidade en concreto, sente que o seu vencello é con toda a bisbarra: «A Costa da Morte é un lugar que forma parte de min. Encántame ir. Cando estou algo agobiada penso na Costa da Morte, na zona de Cabana, Balarés...». Existe esa relación afectiva, pero tamén hai xa un pouso musical: non hai moito que unha das curtametraxes galardoadas nos Premios Fouciño levaba a música do grupo que integra, Ecos da Era do Jazz.

Esta formación é un dos moitos proxectos que Antía ten en marcha, ben no apartado de guitarra clásica ou ben no menos académico. Foi antes o cante que o instrumento: «Cantar canto dende sempre, dende nena. O da guitarra foi máis tarde: a xente soe empezar no Conservatorio con 8 ou 9 anos, pero eu tiña uns 12. Antes estivera nunha escola de música». Hoxe en día é ela a que ensina. Ten alumnos nenos e outros adultos e é un campo que lle gusta, outra posible vía de futuro ademais da actuación: «Aprendes moito, velos coma cando ti comezabas. Aprendes a comunicar e é satisfactorio ver como avanzan, como hai unha evolución, porque en certo modo formas parte diso».

Aquí e alá

«Está difícil en todas partes», di Antía sobre as oportunidades para a música. O público da guitarra clásica segue sendo reducido: «Cando dis que estudas guitarra a xente non se imaxina que é un estudo como o dun violinista ou o dun pionista. Parécelle algo máis popular». Queda, logo, buscar outros espazos de actuacións, como poden ser os bares.

Hoxe que todo está nas redes, poden somerxerse en YouTube e atopar a voz e a guitarra desta moza. Un dos seus últimos traballos máis persoais foi unha versión dun poema de Manuel María, Terra: «Neste caso ata fixemos un vídeo», unha obra de Carlota Arana. San Sebastián está a once horas en tren, as conexións aéreas non son boas e Antía séntese xa alí nunha segunda casa, pero ela, queda claro, mantén sentir galego.