Elvira Veloso presenta no Centro Galego de Barcelona «Vieiros da vida»

La Voz REDACCIÓN

ESPAÑA EMIGRACIÓN

O escritor Xosé Lois García firma o prólogo da obra, un libro de poemas que mesturan terra, saudade e conciencia

15 ene 2019 . Actualizado a las 10:26 h.

A visión próxima desde a distancia dunha Galicia feita de tradicións, de vivencias, de ledicias e tamén de problemas e traxedias é o que reflicte Elvira Veloso (Monforte de Lemos, 1942) no seu novo libro, Vieiros da vida, que presentou onte no Centro Galego de Barcelona. Un conxunto de poemas nos que se mesturan terra, saudade, conciencia e mesmo protesta ante acontecementos desgraciados desde a óptica de quen leva anos vivindo lonxe pero segue a conmoverse con todo o que arrodea as súas orixes.

O acto de presentación, que estivo presidido polo secretario do Centro, Alfonso Pérez Guerra, foi introducido polo escritor Xosé Lois García, tamén galego residente en Barcelona, que firma o prólogo da obra e para quen Elvira Veloso nos adentra con este libro «nun temario suxestivamente existencialista». En opinión deste autor, o poemario «entra de cheo na dinámica máis visual do que é unha terra, a galega, coas súas xentes e cos seus problemas».

«Vieiros da vida» fala de natureza, de costumes populares, de tradicións e de festas e tamén da emigración, da morriña, da saudade e do desarraigo, ao tempo que dedica berros poéticos a traxedias como a guerra ou o accidente do Prestige.

Elvira Veloso estivo vencellada desde a adolescencia ao mundo da comunicación. Iniciou a súa andaina como profesional do xornalismo radiofónico en Radio Monforte. Desde 1970 fixou a súa residencia en Barcelona, onde traballou como locutora en Radio Miramar, posto que compatibilizou co de secretaria de Dirección Xeral en SEAT, empresa na que foi a primeira muller en ocupar ese cargo e na que impulsou a creación do Museo Seat.

No seu empeño por recuperar a lingua galega, frecuentou o Centro Galego desde o principio da súa residencia en Barcelona, onde participou activamente no seu funcionamento e no que reivindicou sendo aínda moi moza o dereito a voto das mulleres nas eleccións e nas tomas de decisión da entidade. Ten publicado outro libro de poemas, co título de Retazos e ten colaborado noutras publicacións.