«Actuar no Teatro de la Zarzuela foi moi especial... alí sentíame voando!»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

Rosalía Castro, actriz burelense: un dos seus últimos papeis foi en «Maruxa», ópera recén representada en Madrid

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Maruxa es un canto a Galicia, Maruxa es Galicia. Final del mundo conocido para los romanos, Finisterre. Frontera entre la realidad y la leyenda celta. Tierra de meigas, término que viene de magia. Lugar más hermoso no hubo en la tierra, dijo Rosalía. Galicia soñada, Galicia encantada». É una parte do que o escenógrafo Paco Azorín ve en Maruxa, a ópera que lle dá unha nova alegría á actriz burelense Rosalía Castro, quen xa suma 13 anos viviendo en Madrid e escalando na súa profesión. Na última función estiveron seus pais entre o público, un gran motivo para «facelo mellor que nunca».

-Como a trata a capital, pese á morriña que sempre está aí?

-A verdade é que ben. Ao principio, como toda a xente cando chega, custa afacerse aos horarios, ás présas... pero agora xa o teño un pouco dominado. A morriña sempre está, botando de menos a familia, a nosa zona tan bonita, o mar, a comida...

-Non sei se La primer mujer en la tierra, obra na que se enfrentou soa a un escenario, significou un antes e un despois para vostede.

-A verdade é que si, porque ao facer un monólogo diante do público enfréntaste doutra maneira comparado con outros tipos de obras nos que sempre tes un compañeiro ou compañeira ao teu lado. Estar soa no escenario impón moito pero foi un reto que tiña, cumplino e del aprendín un montón... e aínda segue a darme alegrías!

-Temos o remate de Maruxa moi recente. Como foi esta obra?

-Moi ben. É unha ópera a pesar de ser no Teatro de la Zarzuela. Era toda cantada a de 1914 que escribíu Amadeo vives. O noso director e escenógrafo, Paco Azorín, bastante coñecido, respectou a música pero mudou o libreto porque a historia inicial da época era bastante sinxela, pastor enamórase de pastora, ovella saltando polos campos galegos e un personaxe que quere evitar que se namoren. Con Galicia como escenario podíase contar unha boa historia, o carácter galego que temos moitos e que a pesar de todas as catástrofes que nos pasan (o Urquiola, o Prestige, os incendios...) movímonos moito para loitar. A obra actual sitúase en 1976 cando o Urquiola, que ao parecer foi o primeiro petroleiro que encallou, en A Coruña.

-Cal foi o seu papel na obra?

-Os protagonistas son os cantantes, os da historia principal, e en segundo plano había actores e actrices, eu entre eles, que contan a historia paralela. A música viña dunha orquestra no foso, tocando en directo, impresionante. O traballo dos actores era xestual (...) Ademáis, estamos falando de case 300 persoas no escenario.

-Como foi a experiencia de actuar no Teatro de la Zarzuela? Alí acaba de cantar Marta Sánchez e mire a que se armou...

-(Sorrí) Para comezar, non o coñecía porque tampouco coñecía moito o xénero, a zarzuela. Dende hai catro anos intentan innovar e facer cousas interesanes e para todo tipo de público. Foi moi especial, é un teatro precioso, dos de toda a vida. Eu estaba alí e... sentíame voando!

-Próximos proxectos.

-Sigo rodando anuncios e pronto comezarei a preparar un novo proxecto teatral coa miña compañía La Smorfia Teatro.