Os charnegos: de emigrantes sen arraigo, a lucenses que enriqueceron Cataluña

ESPAÑA EMIGRACIÓN
Colectivos, cidadáns e museos como o Marítim e o Etnològic de Barcelona ou o de Hospitalet colaborarán no novo proxecto da Rede Museística Provincial de Lugo
18 jun 2015 . Actualizado a las 07:48 h.En Cataluña, a palabra «charnego» serve para definir aos inmigrantes doutras rexións españolas de fala non catalá, e durante décadas foi utilizada de xeito despectivo, como sinónimo de pobre, ignorante ou desarraigado. Poñer en valor aos lucenses que un día deixaron atrás a familia, a casa, o pobo, pecharon a maleta e subiron ao tren buscando un futuro mellor en Barcelona, Hospitalet, Badalona ou Mataró é un dos obxectivos da nova edición do proxecto Culturas en Diálogo da Rede Museística Provincial. Unirá Lugo con Cataluña, Cataluña con Lugo. «Moitas veces escóitanse comentarios pexorativos e é necesario dignificar esa relación», destaca a xerente da Rede, Encarna Lago. Ela viviu en primeira persoa eses fenómenos migratorios que deixaron a milleiros de lucenses «en terra de ninguén», xa que alí son considerados «galegos» e aquí «cataláns». «Trátase de fomentar a identidade e o sentimento de pertenza á comunidade desde un punto de vista inclusivo e social», subliña Lago.
Nos catro museos lucenses
A iniciativa desenvolverase ao longo dos próximos meses nos catro museos da rede (Lugo, Tor, Narla e San Cibrao), e nela participarán activamente asociacións, cidadáns e institucións variadas das dúas comunidades autónomas. É o caso do Museo Marítim e o Museo Etnològic de Barcelona, ou o Museo de L?Hospitalet, unha cidade que acolle a moitos emigrantes galegos.
Foros, mesas redondas, actividades musicais e teatrais, ou a iniciativa «Cartas Faladas, historias de aquí e acolá», permitirán recuperar historias humanas e intercambiar experiencias que «alentarán o diálogo intercultural», como subliña Lago, nun momento histórico no que correntes políticas relacionadas co independentismo e o separatismo fomentan a división social e cultural. «Incidiremos nas diferentes pontes de diálogo», engade a xerente da rede, que destaca as achegas que fixeron os lucenses á cultura catalá e viceversa. «E non só no ámbito folclórico e gastronómico», relata.
O proxecto combinará a investigación coas iniciativas didácticas e a difusión a través das novas tecnoloxías, e nel os participantes terán a oportunidade de explicar «como é Cataluña agora e como era antes ou como é Lugo agora e como era daquela, cando emigraron».