«San Martín de Trevejo é un sanatorio de palabras galegas que xa non se empregan»

Manuel Rey / B. Capelán CARBALLO / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

A estadía vacacional en Carballo permitiulle a Gonzalo Martín Domínguez recuperar os vencellos entre Galicia e as terras onde pervive a fala

27 oct 2014 . Actualizado a las 14:38 h.

Como cada ano, Gonzalo Martín Domínguez (San Martín de Trevejo, Cáceres, 1941) visitou Galicia para descansar nun balneario. Desta vez tocou o de Carballo. Pero a súa historia non acaba aí, pois na súa localidade de procedencia fálase unha variedade de galego que se estendeu hai centos de ano e que é denominada fala. Na súa visita á capital bergantiñá, empapouse da cultura e a lingua e marcha encantado e emocionado co bo trato que recibiu.

Gonzalo Martín reside en Sevilla desde hai máis de corenta anos. Alí é presidente da Casa de Estremadura en Andalucía e tamén pertence á Casa de Galicia. Ademais, colabora na Asociación Amigos da Fala de San Martín del Trevejo.

-¿Aquí síntese coma na casa?

-Galicia é como a miña casa. A miña avoa alegraríase moito se me vise. Ela dicía que os galegos son como os nosos avós. É un encontro cos meus antepasados. Son feliz aquí e cando vou á miña terra transmito a mensaxe de que todos descendemos do mesmo tronco. Esta fala nosa é un refuxio que todos temos que conservar.

-¿Como chega a xente alí a falar a fala?

-Imaxino que hai 700 anos, na Reconquista, aqueles señores feudais foron conquistando terras de Castela e chegarían ao monte Salamí. Os galegos ao ver aqueles castaños, fontes, construcións célticas dixeron que quedaban alí. Todo se parece moito a Galicia en San Martín.

-Entón, ¿a orixe é galega e non portuguesa?

-Di a xente que a fala vén de Portugal, pero iso non é así. Ven dos galegos que viñeron hai tantos anos. Dou grazas aos medios por darme a oportunidade de dar a coñecer a fala. Esa semente de cariño está en San Martín e en Galicia. Por iso, cando vou a Galicia choro de agradecemento por esta terra que tedes. Empápome de Galicia.

-É unha zona moi parecida, ¿non?

-Claro, moi parecida. Cando veño aquí e vexo os figos na praza, de todos os tipos, dígome: ¡Alguén os levou para alí! E as ferramentas tamén. E cando paseo pola beira do río, tamén me lembro de San Martín. Emocióname moito todo o que vexo. Dígolle á xente que veña aquí, que todo é igual. Como a froita: o pexego por exemplo, ou as figueiras. E cando os galegos van a San Martín tamén se quedan asombrados coas palabras que empregamos. A miña frase favorita é que San Martín é un sanatorio de palabras galegas. Palabras que se perderon aquí alí seguen a usarse todos os días. Cando lles ensino aos meus amigos de Sevilla o que falamos nesa illa, que é San Martín, entre Andalucía e Galicia, quedan prendados. Todos queren coñecelo e comprobalo por eles mesmos.

-¿Como se relaciona cos galegos e os estremeños en Sevilla?

-Son membro da Casa de Galicia e de Estremadura en Andalucía. Levo en Sevilla desde o ano 1968. Estiven primeiro en Badaxoz como mestre e despois xa marchei a Andalucía. Fundei una asociación en Sevilla e alí sigo traballando sen cobrar nada destas labores sociais. Cando vexo aos políticos que se meten en cousas penso: Co que cobrades, ¿para que queredes máis?

-¿Como fomenta a fala en San Martín?

-En San Martín estase pensando facer o Museo da Fala. O alcalde está moi interesado. O intelectual galego Domingo Frades tamén, que é un dos nosos grandes defensores. Temos que facelo. Xa temos o espazo. Non queremos perder a fala.

-¿A fala pérdese non nenos?

-Por suposto que non. Non pasa coma en moitos sitios de aquí; os nenos seguen falando. Nunha escola de San Martín, de 60 alumnos 56 a empregan. Case todos os nenos a falan. Os que xogan na rúa úsana e alégrome moito diso.

-¿Hai máis xente coma vostede que tivo que marchar de San Martín e conserva a fala?

-O outro día falaba cun inmigrante en París e dicíame que o seu fillo falaba francés, inglés e galego. Non sabía español. A miña muller non fala porque non é de San Martín. Pero teño en Sevilla á miña irmá que fala e aos meus netos que tamén. En Bos Aires encontrei dúas familias que aínda a falaban tamén.

Gonzalo Martín Domínguez

Presidente da Casa de Estremadura en sevilla

«Cando vou a Galicia choro de agradecemento por esta terra

que tedes»