José Fontán: «O cómodo sería quedar no Celta, pero teño que medrar para ser titular»

X. R. C. VIGO / LA VOZ

DEPORTISTAS

GO AHEAD EAGLES

No Go Ahead Eagles está xogando como central esquerdo, na súa posición

11 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Fontán Mondragón (Vilagarcía, 2000) viaxou a Holanda para xogar cedido unha tempada no Go Ahead Eagles da primeira categoría cuns obxectivos claros: fuxir da zona de confort, coller experiencia e volver ao Celta para ser titular. O central non se conforma con ser un máis e quere volver para consolidarse, rompendo a tendencia da maioría dos cedidos do conxunto vigués.

—Que tal en Holanda?

—Adaptándome á cultura e a todo. Aquí comen antes, cean antes e para min cear ás seis é complicado. Co equipo e cos compañeiros, moi ben, aínda que botando de menos á xente de Galicia. Xa sabía que ía ser así.

—Que se atopou?

—Atopeime un estilo, sobre todo de adestramentos e de metodoloxía, moi similar ao do Celta, con moito balón e con gusto por saír xogando dende atrás, algo co que xa contaba. No equipo hai bastante xente nova.

—Tamén se parece ás pretempadas ás do Celta?

—Aquí é máis longa, dúas o tres semanas máis, pero non facemos tanta dobre sesión e logo xogamos cada tres días. Eu creo que en pretempada é máis importante xogar moitos partidos, que é o que ao final che dá o ritmo, que adestrar.

—Vostede pediu saír en decembro.

—Si, porque ao principio, en pretempada, xogara todo e a bo nivel. Empezei a liga xogando contra o Atlético e logo manqueime, pero no principio da tempada, víame con opcións de sumar máis minutos e logo a cousa truncouse, por iso en decembro tomei esa decisión. Pensaba que o mellor para min e para o club era que saíse.

—Entendeu que non o deixaran saír en xaneiro?

—Por unha parte, entendíao, porque eu estaba adestrando como lateral esquerdo e só estaba Galán. Se se lesionaba ou calquera cousa que lle pasara, ía xogar eu. Podo entendelo, pero tamén pensaba que o mellor era saír.

—Que Coudet o vexa máis como lateral esquerdo que como central é un hándicap?

—Cada adestrador ten o seu punto de vista e as súas preferencias, pero eu penso que me adapto mellor ao posto de central e síntome máis cómodo aí. Se o adestrador considera que debes xogar de lateral, pois hai que adaptarse o mellor posible.

—No Eagles de que está xogando?

—De central esquerdo. Era un pouco o que buscaba. Estamos traballando diferentes sistemas, pero estamos adestrando bastante o 4-4-2 e tamén podemos xogar con tres centrais e dous carrileiros.

—Pasouno mal na segunda volta con tan poucos minutos?

—A verdade é que si A ningún xogador lle gusta estar no banco e máis sabendo que non tiña opcións reais de entrar no once tal e como se deron as cousas. Por iso busquei a saída.

—Que busca en Holanda, con que obxectivo se foi?

—Esta é unha liga de moito nivel, imos xogar contra xente de nivel europeo no Ajax ou o Feyenoord e vou ter que esixirme moito. Estou seguro que vou madurar moito e a mellorar non só no aspecto ofensivo, senón tamén no defensivo, porque o noso equipo vai ter que estar bastantes momentos do partido defendendo, sobre todo cos grandes.

—No Celta é difícil que regresen os cedidos. Supoño que quere romper esa norma.

—Por suposto. Eu sempre dixen que a miña intención é triunfar no Celta, que é a miña casa, onde levo dende os 11 anos, onde teño cerca á miña familia e aos meus amigos e por suposto que eu estou aquí para medrar o facelo o mellor posible. O cómodo sería quedarme no Celta e non xogar, pero teño que medrar porque quero ser titular, non quero estar por estar.

—Tamén lle virá ben para medrar a nivel persoal.

—Fóra da casa, idioma novo, cambian moitas cousas... Iso non é fácil, porque boto de menos á xente que quero, pero seguro que me vai a axudar como persoa a valorar tamén máis todo.

—En Holanda está só?

—Si, estou só. Vou ter visitas e seguro que non hai problema.

—Que lle dixeron na casa cando falou de saír do Celta e cambiar de país?

—Tanto a meu irmán coma a min, toda a xente nos di que tivemos moitísima sorte cos nosos pais porque non se meten en nada. O que pensemos qué é a mellor opción, que a collamos.

—Pois debe ser a excepción, porque no fútbol os pais parece que sempre teñen ansias de intervir.

—Ás veces chéganche historias ou ves cousas que che levan a pensar que se eu fose pai non me metería tanto, porque así aínda lle engades presión, pero tanto meu irmán coma min tivemos o exemplo na casa perfecto.

—O Celta púxoo doado para que saíse agora ou non?

—No verán, si, moi ben. Dende o primeiro momento que llelo comentamos, vírono moi factible. Pensaban que era o mellor para todos e entón foi doado.

—Díxolle algo Coudet?

—Non falei con el.

—E nesa travesía na que non xogaba, tiveron algunha conversa?

—Tampouco. Falamos en decembro polo tema de saír e nada máis.

—No tempo que estivo na primeira plantilla, que aprendeu?

—Aprendín, sobre todo ,a ter paciencia. Nas categorías inferiores foi todo de cara, sempre xogaba, e logo, no primeiro equipo non é tan fácil. Nos meus inicios, na primeira tempada con Óscar, xoguei bastantes partidos de cara ao principio, pero despois cambiou a cousa. Aprendín a ter paciencia, a saber que teño que adestrar a tope aínda que non estea xogando porque cando che toque, tes que dar o máximo polo equipo e polos teus compañeiros.

—Nalgún dos momentos nos que non xogaba chegou a pensar en que ben estaría no filial?

—Na primeira tempada tiña ficha do B, e cando levaba un tempo sen xogar co Chacho, houbo algunha conversa, pero ao final decidiuse non tomar a decisión de baixar. Eu sempre dixen que eu non tiña ningún problema en baixar e xogar co B, nin moito menos.

—Cal foi o dianteiro máis complicado de cubrir nos anos que leva en Primeira?

—Parece unha resposta moi sinxela pero non me podo decidir porque en Primeira División ao que menos esperas, como lle deas un segundo, píntache a cara. Tes que estar con todos ao máximo.

—Ten algún partido do que saíse especialmente satisfeito?

—Recordo contra o Atlético de Madrid na casa, que xogamos con liña de cinco e perdemos 0-2, pero eu creo que estivera moi ben nese partido. Tamén en pretempada ante o Wolves.