Luis Fernández: «Moitos me deron por morto, pero agora síntome mellor que nunca»

O dianteiro burelense faise un oco entre as estrelas da Superliga de Grecia


Viveiro

Luis Fernández Teijeiro (Burela, 1993) renace en Grecia. O dianteiro do Asteras Trípoli, cuxa carreira frearon varias lesións graves, pareceuse máis que nunca a aquel goleador compulsivo que ilusionou un día ao deportivismo despois do confinamento. Os seguidores da Superliga elixírono mellor xogador da clase media do campionato despois de anotar cinco goles e dar unha asistencia en seis partidos de play out.

-Hai pouco máis dun mes que rematou a última tempada e xa está metendo goles en pretempada. Como se sinte?

-Xa levamos unhas semanas adestrando. O domingo xogamos o noso primeiro amigable, e marquei. O máis importante é ir collendo sensacións, tanto a nivel persoal, como o propio equipo.

-Rematou a tempada sendo elixido mellor xogador da fase de permanencia. Se Iago Aspas é o Messi da clase baixa en España, vostede sería o Iago Aspas de Grecia?

-Iso é outra dimensión. Imos deixalo aí (ri). Estou moi feliz co recoñecemento porque significa que valoran o meu traballo. Seleccionaron a un xogador de cada un dos oito equipo do play out e os afeccionados votaron na páxina da Superliga.

-Volveu do confinamento nun gran estado de forma. Tanto traballou?

-Un nunca desconecta. Nos 20 días que tivemos entre o final da tempada e esta pretempada tampouco parei de traballar. No confinamento seguimos exercitándonos moito, aínda que non é o mesmo que estar no campo. Facíamos adestramentos xuntos, citándonos co preparador físico a través de Zoom ou Skype, e eu ademais fixen traballo extra para previr lesións.

-Cumpriu as expectativas que tiña cando iniciou esta aventura?

-Dar este paso foi unha das mellores decisións que tomei, está sendo unha gran experiencia. O meu principal obxectivo a nivel persoal era ter continuidade, e xoguei 27 partidos, que había moito que non os xogaba. E ademais metín 11 goles, que para ser a miña primeira temporada aquí é unha cifra aceptable. Vou traballar para mellorar eses números.

-Son un equipo con máis dunha decena de xogadores españois e arxentinos. Iso facilita a adaptación?

-É unha marabilla. É que chegas a un país no que non controlas o idioma, e máis o grego, que é complicadísimo. Ter tanta xente de fala hispana ao noso redor facilitou moito que a miña parella e eu nos integrásemos.

-Intúo que Borja Jiménez influíu en que chegase ao Asteras, como levou a súa saída en decembro?

-Foi duro porque lle teño moito aprecio. El deu o visto bo á miña fichaxe. Tratoume de marabilla, é un gran adestrador, pero mandan os resultados e o certo é que non os estabamos conseguindo. A súa saída ao final foi mellor para todos; el ascendeu co Cartaxena, e nós melloramos a nosa dinámica.

-O seu rendemento tamén influíu nese cambio de dinámica para atar a permanencia con facilidade e quedarse preto de Europa, non?

-O meu principal obxectivo cumpriuse. Estiven san, puiden disfrutar de adestrar e xogar cada domingo. Necesitábao. Quen nunca padeceu lesións, non o valora, pero cando pasaches tantas coma min, paréceche o máis importante

-Con todo o que leva pasado, parece mentira que aínda teña 26 anos.

-É que empecei moi novo no Dépor, con só 19 anos. Era un neno, e iso faite progresar como xogador e persoa; vives experiencias únicas. Despois chegaron as lesións, tamén algunhas malas decisións deportivas... Levaba tres anos sen continuidade e paseino moi mal. Moitos me deron por morto, pero agora síntome mellor que nunca.

-Chegou a pensar en deixalo?

-Foi complicado. Pasan os anos e tes dúbidas, ves que chegar arriba foi duro, pero manterse aí éo moito máis. Se fallas ou te lesionas enseguida vén alguén desde abaixo que te supera. Tiven a sorte de ter ao meu lado á miña familia e á miña parella. Foron os que me deron forzas, sempre creron en min.

«A afección é moi forofa, pero tamén respectuosa»

Con só 26 anos, o burelense viviu máis que moitos veteranos. Tras chegar ao Dépor en idade xuvenil, debutou no primeiro equipo con só 19 anos. Unha espectacular media goleadora no Fabril catapultouno, e despois pasou cedido polo Lugo e o Huesca, antes de ser traspasado ao Alcorcón e ao UCAM Murcia, tamén na categoría de prata. Dúas graves lesións de xeonllo frearon a súa traxectoria, que continuou en Segunda B, de volta no Fabril, primeiro, e no UCAM, despois, antes de emprender a súa aventura grega.

-O campionato grego ten fama de ser un dos máis quentes de Europa, como se ve desde dentro?

-É verdade que os grandes campos teñen ambientes impoñentes. A nosa afección é moi forofa, pero, non obstante, é moi respectuosa. Nós empezamos a Liga moi mal, non gañábamos partido, e non houbo ningún problema cos afeccionados, sempre nos trataron ben. Estou moi a gusto porque me tratan moi ben, gústanme o club e a cidade, estou feliz.

-E que nivel ten a Liga?

-Depende. Os equipos máis grandes son bastante importantes a nivel europeo, pagan uns salarios altísimos e hai moi bos futbolistas xogando esta Liga. O noso equipo podería competir con garantías en Segunda División, sen dúbida. E despois hai outros cos que xa hai máis diferenza, que poderían ser equipos dun nivel alto en Segunda División B. A min paréceme un campionato interesante, con xogadores a ter en conta, hai estadios preciosos e ambientes moi divertidos. É unha Liga atractiva.

«O Dépor ten unha masa social que non se pode pagar, volverá a Primeira»

Luis Fernández derribou as portas do Dépor a base de goles. O seu salto foi meteórico, ata que apareceron as lesións. Tras cinco anos en Segunda, el tamén tivo que baixar ao barro da Segunda B para tomar impulso e agora volver brillar no fútbol profesional.

-A súa historia pode ser unha boa inspiración para o Dépor, non cre?

-O mellor do Dépor é que ten un apoio social que non se pode pagar. Con iso, seguro que volve a onde se merece. Hai que dar un primeiro paso para retornar a Segunda, e despois acabará chegando a Primeira, que é o seu sitio. Esta vez a caída foi máis grande, pero vaise levantar como tantas outras veces. Ten que sentar unhas bases consistentes.

-Como viu todo o que ocorreu?

-Seguino a fondo, xa non só porque lle garde cariño como a calquera dos meus ex equipos, é que ademais eu son dunha familia deportivista. Foi estraño porque, tras unha primeira volta moi mala, tíñao feito e escapóuselle. Non serve de nada lamentarse, hai que planificar a nova tempada para intentar volver.

-O Estremadura de Pinchi e os Mosqueras foi un dos grandes responsables do descenso. Bota en falta máis fe na canteira?

-Non son quen para dicir iso. Ao final teñen canteira no primeiro equipo os grandes, porque teñen aos mellores na súa base, ou quen teñen necesidade por motivos económicos. É moi difícil porque o fútbol profesional esixe rendemento inmediato, e un rapaz que sae do filial o primeiro día é difícil que sexa válido, pero con oportunidades pode acabar séndoo. Eu creo que hai que dar oportunidades, mimar á canteira, porque a afección gústalle e é unha forma de motivar aos nenos da base para que vexan que con traballo se pode chegar.

-Ten un ano máis de contrato no Asteras. No futuro vese volvendo á casa?

-Hoxe en día quero seguir disfrutando experiencias novas, medrando como persoa e futbolistas, pero eu son do Dépor. Hoxe temos camiños diferentes, pero para min sería un orgullo volver á casa algún día e conseguir os obxectivos.

-Como viu o caso Fuenlabrada?

-Pasaron cousas que non deberían pasar. No aspecto deportivo foi unha debacle, pero creo que a da Liga aínda foi maior. O Dépor non se debe escudar nilo, pero as normas están para cumprilas e todo o que pasou non favorece en nada ao fútbol español. Os mellores estanse indo de España e iso é porque algo non funciona.

Votación
0 votos
Comentarios

Luis Fernández: «Moitos me deron por morto, pero agora síntome mellor que nunca»