Eric Penedo, do Choco á Primeira marroquí

DEPORTISTAS

ITTIHAD RIADI Tánger

O expreparador físico choqueiro asinou polo Ittihad Riadi de Tánxer

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No vestiario do primeiro equipo do Ittihad Riadi de Tánxer o árabe é, por razóns obvias, o idioma maioritario. Tampouco resulta difícil escoitar francés, co uso do inglés ocupando un lugar máis residual. Desde hai un mes o galego sumouse ao catálogo de linguas dun dos grandes da Botola Pro, a Primeira División marroquí, unha das Ligas maiores no continente africano. Porque catro son as semanas que levan o adestrador pontevedrés David Sierra e o preparador físico pontecesureño Éric Penedo, que estivo no Choco, traballando no corpo técnico que dirixe o español Juan Pedro Benabi, cun contrato para o que resta de tempada, e mais a seguinte.

«Eu rescindira co Lugo había quince días, e chegoume esta proposta», conta Sierra. «Pedro non me coñecía, nin a min, nin a Éric», no organigrama do Choco da Terceira División no que encadeaba a súa cuarta tempada. Benabi «pedíu informes, e a través de terceiros, chegou a nós».

«Non o pensei. Era unha oportunidade de crecemento, nun club cunha estrutura profesional dunha Primeira División», explica Éric. Titulado en Ciencias das Actividades Físicas e do Deporte pola Facultade de Pontevedra, master en prevención e en recuperación de lesións pola RFEF, Penedo, que fixera prácticas na canteira do Celta, traballou dous anos no Pontevedra de División de Honra Cadete antes de experimentar por primeira vez a contorna profesional no corpo técnico do Santiago F.S. da Primeira División do fútbol sala español con Santi Valladares e con Mon, xusto antes da súa etapa no Choco.

«Traballamos nunhas instalacións que podían ser envexadas por moitos equipos importantes de España», sinalan os galegos, co seu centro laboral nun estadio para 50.000 espectadores que o curso pasado acolleu a Supercopa de España. «O que lles falta son máis recursos humanos», analiza Éric, «de aí que vaian incorporando a profesionais foráneos con experiencia para optimizar eses recursos», continúa David.

O labor de Benabi, con Sierra de segundo e analista de rivais, e con Penedo na preparación física, comeza a dar froitos. Porque se ben non foron quen inda de sacar o Ittihad do penúltimo posto -descenden dous dos 16 equipos da Liga-, en só catro partidos conseguiron sumar a metade dos puntos feitos polo cadro de Tánxer nas catorce xornadas anteriores cunha vitoria, dous empates e unha derrota ata o momento.