Pablo Bugallo: «Quero seguir sumando éxitos»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

DEPORTISTAS

CARMELA QUEIJEIRO

O boirense, que xa gañou a Supercopa co Teruel, afronta a recta final co obxectivo de lograr outra tripla coroa

30 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Bugallo (Boiro, 1991) exerce de embaixador barbancés no voleibol nacional. Faino nun dos mellores equipos de Superliga, o CV Teruel, co que vén de levantar a Supercopa de España. Agora o reto atópase na Copa do Rei e na loita pola primeira posición da táboa, caixón de saída para os play off da competición regular.

-Aínda lle queda sitio pola casa para medallas e trofeos?

-Aínda teño [ri]. Para iso sempre se fai un oco. Oxalá queden aínda moitos por gañar.

-Supercopa, na loita pola liga... Non está nada mal a tempada.

-Temos un partido menos que Unicaja, que xogaremos o día 19 do mes que vén. Estamos segundos, pero esperamos igualarnos a puntos e poñernos primeiros. Non está mal como vai a tempada antes dos play off.

-Que metas ten o club?

-O primeiro obxectivo era gañar a Supercopa, que xa o conseguimos. O seguinte era meternos en semifinais da Copa do Rei, que tamén o logramos. Agora o terceiro é gañala en Palma de Mallorca, e o cuarto e último loitar polo título da Superliga. Temos un ano interesante por diante, veñen catro meses bastante fortes.

-O máis próximo é a Copa. Como ve ao equipo para lograla?

-Fácil non vai ser. Este ano, polo menos dos que eu levo xogando está sendo o de máis sorpresas. Rivais que a priori poden parecer fácil non o son, calquera che pode sorprender. Ademais este é o torneo do KO. Se tes un mal partido, pode pasar de todo.

-Parece que o deporte estase igualando máis nos últimos anos.

-Si, non só no voleibol, senón en tódalas disciplinas. Este ano pode que se note máis, pero si que é certo, calquera pode sorprender e estano a facer.

-E cales serían as metas, pero a nivel individual?

-Xa teño 28 anos e a principal é non lesionarme. Sempre tiven moita sorte nese aspecto, e espero que siga así. E despois nada, quero transmitirlle aos máis novos esa garra e esa loita polos títulos. Quero seguir sumando éxitos co Teruel. Esta é a miña quinta tempada: hai unhas semanas cheguei aos 150 encontros con eles e a verdade é que estou moi contento.

-Xa é a súa segunda casa?

-Case, case, estes últimos anos foron moi bos deportivamente. A xente acólleche, tenche cariño, síntome mellor cada ano.

-E como está o tema da selección española?

-O ano pasado decidín renunciar por motivos persoais e económicos. Hai xente máis nova que ten potencial. É o seu momento. A medida que pasan os anos é máis complicado. Economicamente non compensa, a pesar do que se poida pensar. Estar no equipo nacional sempre foi un orgullo para min, sempre presumirei de ter xogado con España. Pero era complicado, tes o risco de ter unha lesión e non podes esquecer o contrato co teu club.

-Xa me imaxino que tivo que poñer todo nunha balanza.

-Con 18 ou 19 anos dáche igual, pero xa teño 28 e hai un momento no que tes que escoller entre a túa vida persoal e a profesional, e neste caso tiven que optar pola primeira. A decisión non foi fácil, falei con amigos, adestradores, coa familia... Meditas durante meses, miras opcións e sopesas coa almofada.

-E como ve o voleibol español?

-Agora mesmo o único club que está competindo a nivel europeo é Unicaja de Almería. É unha competición esixente, pero é importante que se siga vendo a España a nivel internacional. É un esforzo económico moi grande para os clubs, que tampouco están no mellor momento. Agardo que dentro duns anos poidamos dar moita guerra, e que non sexa só un equipo español o que compita en Europa, senón dous ou tres.

-E no referente á selección?

-A verdade é que non estamos entres os dez mellores países do mundo, pero nestes últimos anos o equipo renovouse con moitos mozos, que teñen o apoio dun bo grupo de veteranos. Espero que de cara ás próximas dúas ou tres tempadas poidan darnos algunha alegría.

-Sei que segue a actualidade do Boiro. Xogou a Copa Príncipe e apunta á fase de ascenso...

-Estou desexando que o fagan o mellor posible, e espero velos o próximo ano en Superliga, sexa xogando con eles ou en contra. Faríame moita ilusión atopalos. Levan anos pelexando por ese soño e Boiro cada día está máis entregado ao voleibol. Sería moi bo para todos. Sempre presumo do equipo do que veño e a xente que xogou con e contra eles sempre fala marabillas. Foi unha pena o que lle pasou ao Boiro na Copa Príncipe, pero teñen moitas alegrías que dar.

-Vese rematando a súa carreira de volta en Boiro?

-Pois home, nunca sabes, pero non me importaría, e seguramente gustaríame. Hai tempo aínda, pero todo chegará.