O festival Emigrason reúne a 1200 en Bruxelas para gozar de Tanxugueiras e Terbutalina

EUROPA

Éxito da terceira edición do evento, que este ano contou tamén con Fillas de Cassandra e De Ninghures
27 feb 2025 . Actualizado a las 22:50 h.O festival Emigrason saldouse con éxito na súa terceira edición. Un total de 1200 persoas, que esgotaron as entradas con varios días de antelación, déronse cita este sábado na sala Madeleine de Bruxelas para gozar da proposta de catro bandas galegas: De Ninghures, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras e Terbutalina.
A nota máis emotiva puxérona os últimos, que dicían adeus aos escenarios despois de 15 anos de andaina. Entre bágoas, os seus compoñentes agradeceron a resposta do público, que se envolveu durante a súa actuación guitarreira, suorenta e punk-rockeira. Xa son historia da música galega.
Tamén foi impactante o pase de Tanxugueiras. Aínda que xa non sexa noticia, a explosión que se viviu na sala coa interpretación de Terra elevou a emoción dunha noite que empezara horas antes con De Ninghures, unha formación emerxente adscrita ao tradicional que esta mesma semana sacará un disco. Durante a súa actuación homenaxearon a Terbutalina, interpretando unha das súas cancións xunto a Tanxugueiras e Fillas de Cassandra. Estas últimas ofreceron un bonito e plástico recital que resumía o seu show para teatros Últimas dionisíacas.
Este ano ao Emigrason acudiu público procedente de 15 países diferentes, consolidando unha iniciativa xurdida dun grupo de emigrantes galegos que querían levar a música da comunidade ao corazón de Europa.