«O futuro das Pontes pasa por cousas esquecidas como o rural e o forestal»

María Meizoso AS PONTES / LA VOZ

COOPERANTES

Desde o ano 2014, traballa no país andino coa Fundación para la Superación de la Pobreza

22 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1999 cambiou o seu As Pontes natal para estudar Xornalismo e Antropoloxía Social en Sevilla. «Fun alí un pouco por casualidade, polo reparto das notas do selectivo cando elixes carreira», lembra Efrén Legaspi. Despois, «as cousas vanse dando». Pero subliña que «un galego ao que non lle gusta a choiva é doado que acabe por cruzar os Ancares». Aínda que non foi iso o que o afastou da súa vila. «As ofertas laborais no meu campo son limitadas alí», apunta. O pontés formouse en Ética e Política Pública en Madrid, en Estudos de Paz e Conflitos en Suecia e, tamén, en Territorio e Pobreza en Chile. Alí reside, desde o ano 2014. En concreto, en Horcón, na rexión de Valparaíso.

-Traballa coa Fundación para la Superación de la Pobreza. ¿Con que proxecto andan agora?

-Estamos empezando coa execución de vivendas sociais que serán un total de 30, principalmente, para familias de pescadores. En paralelo, estamos facendo, cos veciños, unha campaña ben forte de protección de espazos naturais ameazados. Nesa fronte temos varios procesos xudiciais que esperamos gañar para deter un proxecto inmobiliario que nos suporía perder toda unha zona declarada de Interés Prioritario para a Protección da Biodiversidade. Estamos facendo moitas actividades culturais e de recadación de fondos para pagar os custos dos xuízos, ao tempo que presionamos no proceso de declaración do lugar como Santuario da Natureza.

-Máis de cinco anos en Chile. ¿A súa estadía nese país ten data de caducidade?

- Non teño nin idea. Nese sentido creo que as decisións deben tomalo a un e non un tomar as decisións. Chegará o que teña que chegar. O estoicismo é ben galego e o é por algo. A última vez que estiven en Galicia, fun a Caión a buscar se quedaba algún parente vivo dunha veciña de Chile. Vivimos en Horcón que, ao igual que Caión, é un pobo pequeno e mariñeiro. Atopei ao seu tío avó, o último parente vivo que queda en Galicia. Chámase Tiniño. Dicía Castelao que os galegos temos raíces flexibles.

-Aínda que agora leva tempo asentado aí, antes tivo outras experiencias similares. ¿Como as lembra?

-Estiven en Portugal, en Tras os Montes, nun proxecto de desenvolvemento rural facendo un documental, Passagens, sobre a historia do contrabando entre Portugal e España. Despois, estiven en Caracas cunha pasantía do Instituto de Estudos Políticos para América Latina facendo un estudo sobre experiencias de alfabetización. En Timor estiven no 2012 nun proxecto de desenvolvemento rural. Por último, xa fun para Chile no 2014. Primeiro, un ano no sur do país e, agora, coa mesma fundación, en convenio co Ministerio de Vivenda e Urbanismo, neste programa que se chama Pequeñas Localidades.

-Acaba de estar cargando as pilas na casa. Pero, ¿como se ve As Pontes desde o outro lado do charco?