«Aprendín moito máis en Ghana do que eu lles deixei aos habitantes de Atsiame»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

COOPERANTES

Esta enfermeira de Foz acaba de voltar da súa primeira experiencia como voluntaria, iniciativa que financiou ela

05 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lidia Lestegás Rodríguez (Foz, 1994) reside en Pontevedra, onde exerce como enfermeira e matrona residente no Hospital Provincial. Hai uns días voltou a Foz despois da súa primeira experiencia como voluntaria. Na aldea de Atsiame, no distrito de Ketta, en Ghana (África), que conta con entre 200 e 300 habitantes, dos que arredor dun 40% son nenos, traballou durante un mes, o seu mes de vacacións. Investiu arredor de mil euros en financiar o seu voluntariado. Lestegás agradece ao pobo de Foz as doazóns de material de curas que levou ao país africano.

-¿Como xestionou a experiencia de exercer como voluntaria?

-Contactei cunhas cantas onegués, sempre relacionadas coa sanidade e, sobre todo coa saúde da muller, que é o campo ao que me dedico. Contestáronme pouquiñas e a que máis rápido me dixo que quería contar comigo foi a Asociación para el Desarrollo Social de los Pueblos (Adepu). O proxecto no que eu estiven traballando leva só dous anos de funcionamento. Teñen dous asentamentos, un no norte de Ghana e outro no sur, en Atsiame. En Adepu traballan con profesores e estaban buscando iniciarse na parte sanitaria, ao ver que hai moitas carencias. Estaba súperperdida porque ninguén fixera un informe da situación previa. A miña labor foi establecer os proxectos para o futuro.

-¿En que consistía o seu traballo?

-Fixen charlas educativas, tanto no colexio como na comunidade, sobre lactancia materna, menstruación, consentimento sexual, etc... O primeiro día que fun ao colexio un neno pediume que lles explicara a menstruación e ao seguinte día pedíronme que lles falara sobre o sistema circulatorio. Despois fixen actividade asistencial en colaboración coas enfermeiras do centro de saúde (campaña de vacinación, de control de pesaxe...). Estiven na unidade do paritorio e en atención prenatal no hospital de Abor e quixen entrar en contacto co centro de saúde, co hospital e coa comunidade porque estou facendo o informe de saúde para analizar en que condicións está a poboación co obxectivo de elaborar proxectos futuros para a oenegué.

-¿Onde e como vivía?

-En Atsiame alugamos unha casa. Era un recinto cerrado e dentro tiñamos os cuartos de dous dormitorios, que son catro paredes, unha cama no chan, catro estantes e unha mosquitera, imprescindible. Logo había unha ducha, catro paredes e ías cun caldeiro mediado de auga e botando auga con outro caldeiro pequeno. O baño era unha fosa séptica.

-¿Que foi o mellor da experiencia?

-A xente é espectacular. Páraste a pensar, a nivel social, todo o que levamos e seguimos maltratando a esa comunidade, porque todos os recursos naturais de Ghana seguen sendo controlados por países estranxeiros. E chegas alí, e eles recíbente cos brazos abertos, todo son sorrisos, son acolledores... O pouco que teñen é para compartir. Nós non imos cambiarlle o mundo. Ali somos uns invitados máis e imos cooperar. Aprendín moito máis en Ghana do que eu lles deixei aos habitantes de Atsiame.

-¿E co idioma?

-En inglés. Con máis de 50 linguas en todo o país, alí fálase o ewé. Nesa lingua aprendín a dicir ola, empuxa (nos partos)...

-¿Onde lle gustaría traballar nun futuro?

-Gustariame vivir en Galicia, pero non con esta precariedade laboral. Prefiro marcharme a Irlanda, onde estiven con 16 anos. Agora hai vóos directos. Falo inglés, os soldos son máis altos e ofrecen contratos indefinidos. Probarei sorte tamén en Galicia, Cantabria (onde se lle paga a especialidade ás matronas), no País Vasco, Canarias e Jarrio (Asturias).

-¿Que é o que máis lle gusta do seu traballo?

-Apaixóame. Tiven e teño moita sorte coa xente que me está formando, que vive o seu traballo con moita paixón.

«Non me fiaría de ningunha oenegué que aceptara como voluntario calquera perfil»

-¿Recomenda a experiencia?

-É recomendable, pero tés que saber aonde vas. Eu non botei en falta ningunha comodidade, pero tes que ser unha persoa que se saiba adaptar á situación (..) Tes que ser consciente de que estás asumindo unha gran responsabilidade e que ti vas a cooperar. Tes que ter unha mínima formación en cooperación internacional porque senón despois xeras máis problemas. Están xurdindo moitas mafias.

-¿Que consellos dá á hora de elixir oenegué?

-Polo de pronto, non me fiaría de ningunha oenegué que aceptara como voluntario calquera perfil. Non digo que teñas que ter formación universitaria, porque igual van construír un pozo e só necesitan mans. Pero si non che fan unha entrevista, si non che piden un curriculum nin unha experiencia profesional determinada... Se ti en España non estás acreditada para facer algo non te penses con dereito a ir a outro país a facelo.

-¿Como coñeceu Adepu?

-Busquei pola miña conta, pero tiven a sorte de contar co asesoramento dunha matrona que se chama Susana, que traballa no Hospital do Salnés, e que leva moitos anos cooperando. Trala experiencia, estou moi satisfeita e sigo colaborando con eles.

-¿Repetirá?

-Si. Gustariame volver para o ano que vén con eles. Pero é certo que no futuro tamén me gustaría ir con algunha oenegué que tivera os proxectos desenvoltos, para desenrolar máis a parte asistencial.

-¿Que foi o máis gratificante?

-O hospital no que eu estiven funciona moi ben para os recursos que teñen, pero a violencia obstétrica é algo moi en auxe en todos os países do mundo. Para min foi moi duro de ver, igual que é duro de ver aquí ás veces. Pedíronme que atendera un parto e ao final non me deixaron atendelo como eu quería. É obstetricia de hai 40 anos. Eu non estou dacordo con determinadas prácticas que eles fan. Terei que velas, porque eu en Ghana era a invitada, pero non as vou facer.