De Noia a Senegal á procura de respostas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

COOPERANTES

O barbancés percorreu ao longo dun mes o país africano para coñecer de primeira man as causas que levan aos seus habitantes a fuxir en masa cara Europa

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha pequena mochila, unha cámara de fotos e un caderno como compañeiros de viaxe, Xerardo Agrafoxo emprendeu en novembro do 2016 unha nova aventura. Puxo rumbo a Senegal co fin de mergullarse no día a día dos seus habitantes e tratar de atopar resposta a unha pregunta que facía tempo lle roldaba pola cabeza: ¿Que leva a estas persoas a arriscar a súa propia vida para fuxir do seu fogar cara a unha Europa que os rexeita? Froito daquela viaxe que se prolongou durante 30 días é un libro que ven de ver a luz da man da editorial Galaxia: O país sen fronteiras.

«Quería ver a realidade dese lugar e saber por que cada ano miles de emigrantes tentan chegar a Europa», explica o escritor noiés. Asegura que, en contra do que poida parecer, atopou un país tranquilo, con xente amable que o acolleu sen condicións. É que Xerardo Agrafoxo embarcouse nesta aventura sen reservas de hotel, sen unha guía de restaurantes recomendados para repoñer forzas e sen un medio de transporte concertado. Un Peugot 505 foi o seu compañeiro: «Atravesar a sabana foi o máis complicado, sobre todo porque foron moitas horas no coche».

Puidera semellar que Xerardo Agrafoxo se volveu tolo cando decidiu afrontar este reto ou que tivo un valor fóra do normal, pero el réstalle importancia ao seu fito: «Non pasei medo ningún, ao contrario, e iso que me infundiron bastante temor uns senegaleses cos que coincidín no avión, pero o que vin foi un país tranquilo». E iso que chegou a durmir nunha casa de okupas: «Para coñecer a realidade que atravesan tiña que mergullarme nas súas vidas, durmir nas súas casas».

Aínda que veu de preto a pobreza extrema, o noiés asegura que o que máis lle chamou a atención foi comprobar os efectos do cambio climático: «No interior rexístranse elevadísimas temperaturas, mentres que na costa, as aldeas e as vilas están sendo devoradas polo mar. De feito, xa non se poden construír hoteis a menos dun quilómetro da auga». Na súa viaxe, apalpou a desesperación dos habitantes dun dos 25 países máis probes do mundo: «Impactáronme as aldeas do sur, onde viven as tribos máis antigas da África occidental, sen auga nin electricidade».

Condicións desesperantes

A experiencia vivida serviulle a Xerardo Agrafoxo para coñecer os motivos que levan aos senegaleses a tentar fuxir na procura dunha vida mellor: «Cada vez vai vir máis xente, porque as barreiras que se poñen para conter as riadas son insuficientes, pois alí vívese nunhas condicións desesperantes. Hai moitos mozos que se marchar sen sequera avisar ás súas familias. Para frear esta fuxida masiva habería que cambiar as condicións de vida en Senegal, doutro xeito, será imposible».

Os 30 días que o noiés pasou percorrendo Senegal conforman outros tantos capítulos dun libro que se presenta coma un diario de viaxe: «Conto as miñas experiencias e tamén como é o país a través dos xornais que vou mercando e de libros de autores senegaleses que leo ao longo da aventura». Destaca especialmente lugares como Saint-Louis, unha cidade colonial onde residía Antoine de Saint-Éxupéry, o creador do Principiño; e a illa de Gorea, situada fronte á costa de Dakar, a onde eran trasladados os escravos para logo seren embarcados cara as plantacións americanas.

Esta non é a primeira aventura destas características nas que se embarca o escritor barbancés. Xerardo Agrafoxo xa fixera un itinerario similar por Cuba, que concluíu coa publicación dun libro. E, se as previsións non lle fallan, tampouco será a última. Xa ten decidido o destino da súa próxima viaxe: «Quero descubrir o que agocha Brasil máis alá do que se coñece, que é o carnaval, o fútbol e as favelas de Río de Xaneiro». Mesmo recoñece que ten plans para o que virá despois desa outra experiencia, pero prefire que, polo menos de momento, sexan unha incógnita.