A Galicia que quedou e a que marchou na emigración a Brasil do século XX

BRASIL

Imaxes familiares cedidas polos lectores a Xa choveu sobre a emigración a Brasil no século XX.
Imaxes familiares cedidas polos lectores a Xa choveu sobre a emigración a Brasil no século XX. CEDIDAS

Os lectores comparten en Xa choveu lembranzas das súas historias familiares divididas polo océano atlántico: «A da emigración é a nosa historia recente». [Envía aquí as túas historias para formar parte da memoria colectiva de Galicia]

18 jul 2024 . Actualizado a las 17:05 h.

En Galicia non hai familia que non teña a súa propia historia de emigraciónPaíses sudamericanos como Arxentina ou Cuba acolleron boa parte da emigración galega do século XX. Nesta lista de países destaca tamén Brasil, que na actualidade aínda conta con máis de 50.000 cidadáns de Galicia no seu territorio; o segundo en Latinoamérica con máis galegos por detrás de Arxentina. 

A pobreza e falta de oportunidades, a guerra ou a ditadura foron algúns dos desencadeantes que facilitaron esta emigración masiva de galegos cara América do Sur, que marchaban a «facer as Américas» en busca dun futuro mellor. A emigración galega a esta rexión comezou xa no século XVI, pero foi especialmente importante a finais do século XIX e na primeira metade do século XX. Segundo a Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago de Salvador de Bahia, entre 1883 e 1950 máis de 17.700 españois chegaran só a esta cidade brasileira. 

[Envía aquí as túas fotos antigas e axúdanos a crear a memoria colectiva de Galicia con Xa choveu]

Aínda que estas son as historias de Consejo, José Cándido, Manuel e Enrique, poderían ser tamén as historias doutros miles de galegos que viron as súas familias divididas pola emigración.

A Galicia que quedou: A historia de Consejo «Leré»

Por cada historia de emigración, hai outra daqueles que quedaron en terra. É o caso de María Consejo Gómez Álvarez. A súa neta, Loli Rodríguez, comparte agora a súa historia en Xa choveu. 

Desde moza, esta muller natural da Cañiza coñeceu de preto as consecuencias da emigración. Dous dos seus irmáns emigraron a Brasil a comezos do século XX e non volvería ver a un deles. Para reencontrarse coa súa irmá tería que agardar 70 anos, grazas a un convenio entre Brasil e España para reunir a familias separadas pola migración.

Na súa xuventude na Ameixeira namorou dun mozo que pronto tivo que marchar tamén a «facer as Américas», como se dicía entón, aínda que prometía volver. Fronte o desamor e a posibilidade de non volverse ver, a súa nai recomendoulle casar con Manuel Soalleiro, fillo único dunha familia adiñeirada da Cañiza. A voda tería lugar en 1927, cando Consejo tiña 20 anos e, só un ano despois, nacería a súa filla Lola, recorda agora a súa neta, tamén chamada Lola. Nese mesmo ano o propio Manuel partía cara São Paulo. Desde alí enviaría ocasionalmente agasallos e, de cando en vez, algo de diñeiro. Aínda que o seu plan inicial era pasar en Brasil uns oito ou dez anos, o estalido da Guerra Civil en España retrasou a súa volta

Consejo Gómez quedou en Galicia coa súa filla tras a emigración da súa parella Manuel Soalleiro a Brasil nos anos 20.
Consejo Gómez quedou en Galicia coa súa filla tras a emigración da súa parella Manuel Soalleiro a Brasil nos anos 20.

Podes ver esta e outras imaxes enviadas polos lectores a Xa choveu neste álbum da memoria colectiva dos galegos.

Tempo despois, na Cañiza, o primeiro amor de Consejo regresou como prometera. Ao ver á súa filla, din que exclamou: «Esa nena tiña que ser miña! Que nos fixeron?». Despois disto marchou para non volver e non se sabería máis del.

Manuel seguía en Brasil, onde traballaba no hotel Copacabana gastando o diñeiro nunha boa vida alí e máis adiante nunha necesaria operación de estómago. Pola súa parte, Consejo quedara en Galicia case sen recursos e sen educación, xa que «non sabía ler nin escribir, pero facía as contas de cabeza e non había quen a enganara».

Para sacar á súa filla Lola adiante, Consejo traballou criando vacas, porcos, galiñas, ovellas e traballando a terra. Nas feiras vendía tenreiros, cordeiros e os produtos que conseguira cos seus xornaleiros contratados. Co que gañaba, compraba aceite, pan de millo, bacalao, azúcar e xureis. «Cando chegaban as festas, mataba un polo», apunta a súa neta Loli. «Era moi boa persoa e axudaba a todos na aldea dando comida como tazas de fariña, leite, ovos... a quen o necesitara. Asegurouse tamén de que a súa filla estudase ata os 14 anos, algo insólito nun entorno rural como o de Aranes», engade. Lola tivo tamén a oportunidade, animada pola súa nai, de aprender corte e confección, unha profesión moi demandada a mediados do século pasado.

En 1948, Manuel regresa a Galicia para o casamento da súa filla. Consejo e el vivirían na Cañiza, facendo visitas frecuentes a Vigo, a onde se mudara a súa filla, ata 1970, cando venderon o gando para marchar toda a familia a Madrid. Consejo pasou os seus últimos anos alí e foi nesta época cando recibe un novo alcume: «Leré». Durante os anos 80 «coidaba dos seus bisnetos, que empezan a chamala "abuela Leré", seguramente porque lles cantaba a canción de "El cocherito leré". Nos seus últimos anos de vida, o alcume fíxose tan popular na familia que, chegada a súa morte, os seus fillos quixeron que tamén estivera na súa lápida.

Loli explica que se animou a compartir con Xa choveu a súa historia familiar porque «me parece importante coñecer aos nosos antepasados e como loitaron para gañar a vida. Ademais, a historia da miña avoa ata dá para unha novela. Muller traballadora e extraordinaria, a quen todos querían pola súa bondade, que criou soa a unha filla, lle deu educación e tamén criou á súa neta, que son eu. Sempre foi a cabeza da familia tirando do carro e gañando cartos».

A Galicia que marchou: A historia dos irmáns José Cándido e Enrique

Tamén con Brasil ten relación a historia dos irmáns José Cándido e Enrique González. O seu fillo e sobriño, Gerardo González, comparte con Xa choveu a súa historia. Hai 70 anos, os dous irmáns, que perderan á súa nai por tuberculose tras coidar esta doutro dos irmáns, coñeceron a unha muller que os levaría a Brasil.

Os irmáns José Cándido e Enrique González, que emigraron de Moaña a Brasil nos anos 50.
Os irmáns José Cándido e Enrique González, que emigraron de Moaña a Brasil nos anos 50.

Era a segunda muller do seu pai, brasileiro que regresara e fixera alí a súa vida. Tras cinco anos en Moaña, onde quedaron curmáns e tías, en 1953 os dous irmáns partiron a Brasil no Lavoisier. Enrique tiña 10 anos. José Cándido, doce. Unha vez alí, ambos coñeceron á comunidade española que emigrara ao outro lado do Atlántico e pronto estreitaron lazos con outras familias migrantes. Así foi como José Cándido coñeceu a María Pilar Sánchez, nai de Gerardo, que emigrara coa súa familia desde Valencia. 

«O meu tío Enrique quedou en Brasil pero meu pai volveu en 1966. A miña nai volvera a España coa súa familia e meu pai decidiu regresar por ela», conta Gerardo. Tres anos despois, en 1969, ambos casaron e dous anos máis tarde terían a Gerardo. José Cándido comezou a traballar como técnico vinculado a un despacho do arquitecto Oscar Niemeyer, o que acabou levando á familia ata Lalín, onde González traballou no Grupo Aurela e despois en Industrias González. Finalmente, nos anos 90, a familia regresaría a Valencia debido a que María Pilar sufría de osteoporose e o clima galego dificultaba a súa recuperación.

Rexistro migratorio en Brasil de 1953 do galego José Cándido González
Rexistro migratorio en Brasil de 1953 do galego José Cándido González

«Quero compartir esta historia para que se recoñeza. Pasáronno moi mal. A da emigración é a nosa historia recente a agora a xente tende a olvidala», explica Gerardo, 71 anos despois de que, en xuño de 1953, o seu pai e o seu tío embarcaran en Moaña rumbo Brasil para ter «unha nova vida».