O brasileiro Wagner G. Barreira novela a vida posible do seu avó paterno
03 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O xornalista brasileiro Wagner G. Barreira (São Paulo, 1962) nunca coñeceu ao seu avó paterno. O pouco que sabía del podería resumirse en dúas frases: «Naceu en Galicia, chegou a Brasil no vapor Demerara e morreu novo. No Brasil viviu no barrio onde medrei, en São Paulo, un destino de emigrantes de varias partes do mundo». Barreira botou man da literatura para «inventar unha vida posible» para o seu devanceiro. Así naceu Demerara, aparecida en Brasil o ano pasado e que agora publica Galaxia na versión galega de Leandro García Bugarín.
Unha achega que se apoia fortemente na ficción para reconstruír esa existencia imaxinada de Bernardo Gutiérrez Barreira, un dato ao que o autor chegou case de casualidade: «Souben o seu nome ao encontrar un documento de meu pai dos anos 40 no que estaba rexistrado como Bernardo Gutiérrez Barreira fillo. Nunca se contou nada sobre o meu avó en casa. A miña avoa, andaluza, casou de novo, tivo outros tres fillos e a historia de Bernardo foi esquecida».
Mais que sexa ficción non implica que Barreira non alicerzase a súa historia sobre fundamentos históricos. «A Hospedaría de Inmigrantes de São Paulo, hoxe un museo e centro de investigación, forneceu o nome do navío. Cando procurei información en Google atopei varios artigos de saúde pública e atopei a historia do Demerara», lembra. «Tiña un argumento para a novela: o inmigrante que embarca no navío da gripe de 1918, que se tornou mundial e inxustamente coñecida como gripe española. Tentei ancorar o libro en piares históricos: busquei os arquivos do estaleiro inglés, pesquisei as condicións da viaxe, estudei e visitei Vigo e Traspielas, onde o protagonista morou e naceu. Tamén estudei o São Paulo do seu tempo e como o barrio se organizou a partir dun matadoiro e unha cerámica».
A través da peripecia individual do emigrante vigués e narrada en primeira persoa, Demerara tamén retrata unha historia colectiva: «O libro tenta mostrar o proceso de adaptación e construción dun país polos inmigrantes, sen un ton profesoral. O que busquei foi ofrecer ao lector unha visión particular dun fenómeno histórico», que se detivese tamén nos pequenos aspectos: «A historia, tal como nola aprenderon la escola, en xeral describe o punto de vista dos donos das narrativas. As sagas viquingas non foron escritas polo mariñeiro, por exemplo. Sempre se centran en grandes temas, sexan políticos, económicos ou sociais. Iso vale para a esquerda e dereita. A literatura permite descubrir unha historia íntima».
A puxante Vigo dos anos 20
E, igual que a escrita lle permitiu unha nova visión sobre o impacto da emigración na evolución dunha cidade brasileira, tamén a investigación abriu outra descuberta, a de Vigo. «Unha cidade moderna e puxante no comezo do século 20, que substituía a pesca pola industrialización, os barrios populares por grandes edificios», describe Barreira. «Cando visitei a cidade caín na conta de que o proceso foi máis complexo, que a cidade, pola súa posición xeográfica, era un punto importante durante a Primeira Guerra, mais aínda así incapaz de absorber aos galegos pobres, que buscaban sorte noutro continente. Agora, no persoal, é un porto seguro en España, onde fixen bos amigos e a onde sempre penso en volver».
Demerara publicouse en plena pandemia, en outubro do ano pasado, e «trouxo de volta un xénero que andaba esquecido no Brasil, a novela histórica». «Recibiu boas críticas e o retorno que teño dos lectores é que é un libro que non se pode deixar de ler. Para min, ese é o mellor eloxio», conclúe o seu autor, para quen o lanzamento do libro en galego, en certa forma, pecha un ciclo vital: «Como se puidese oír a voz do meu avó na súa propia lingua».