O verdadeiro nome de Ítaca é Noia

Antón Parada

ALEMANIA

anton parada

O pasado da emigración levou a este home a navegar polas augas dos cinco continentes

06 may 2016 . Actualizado a las 09:38 h.

Homero escribiu o relato dun rei no seu regreso a Ítaca durante unha viaxe de dez anos. Mais o problema da épica grega é que os seus protagonistas pouco tiñan que ver coa maioría das persoas daquela sociedade. O Ulises que propoñen estas liñas nunca asaltou Troia, partiu da súa terra para buscar fortuna sen deixar atrás coroa ou reino algún.

O primeiro traballo que desempeñou Nemesio Díaz Lado (Ousoño, 1940) foi o de axudante dos seus irmáns na, agora en ruínas, cantina inicial das minas de San Finx. Con 11 anos acudía a botar unha man os fins de semana ou durante as vacacións escolares. Aos 15 anos, o noiés consegue un oficio estable nunha ebanistería en San Bernardo. Non construía cabalos bélicos pero si fabricaba mobles, portas ou ventás. Ata que chegou o ano 1962, ou o canto inicial da súa particular Odisea.

A viaxe

Nemesio Díaz emigrou a Róterdam sabendo que o país dos tulipáns non sería o seu destino final. Embarcou nun petroleiro noruegués de 5.000 toneladas en dirección a Curazao e Aruba. «Comecei como axudante de cociña, pero aos seis meses o cociñeiro enfermou e ascendéronme ao seu posto», explicou aquel que partira de Galicia como ebanista. Pasou dous anos traballando en diversos puntos do Brasil: Río de Xaneiro, San Luís ou Belén.

Puido volver á casa, pero aquel espellismo con trazos de Ítaca durou tan só dous meses. Tralo lapso arribou a Oslo e caeu noutra compañía, neste caso nun navío de 50.000 toneladas. Aínda que o contrato para ser segundo cociñeiro se firmou en Noruega, tivo que trasladarse á cidade canadense de Vancouver para embarcar. Dunha tripulación de 40 persoas, el era o único español: «O barco non atracou nun país de fala hispana, nunca tiven unha posibilidade de mercar un xornal en castelán en Xapón, Australia, Mozambique».

Nemesio Díaz conseguira aprender unhas cantas palabras para manter a relación co resto de traballadores, pero o tempo pasaba e cando se cumpriu o segundo ano, decidiu que se gañara unhas vacacións. Non pensaba o mesmo o capitán, nun caloroso xuño a punto de entrar no porto estadounidense de Nova Orleáns. Ante a incapacidade de empregar o seu salario para regresar, propúxolle que preguntase na casa do mar norueguesa na cidade do Mardi Gras, para enrolarse recomendado noutro barco que fose camiño a Europa.

Aos cinco días ía camiño de Ruán (Francia) nun cargueiro de 18.000 toneladas, pero cun pequeno cambio. Díaz agora ocupaba un posto menor ao de engraxador na sala de máquinas, ocupábase de ir limpando cun pano diversos compoñentes da maquinaria. «Tiña a roupa tan clariña de traballar na cociña...», lembrou laiándose. Pero ese impacto cromático fixo que o mordomo (xefe de cociña) lle inquirise se non tiña unha vestimenta máis escura. Ao pouco estaba limpando o camarote do capitán, as paredes e os teitos do barco. Tras presentar as cartas de recomendación foi collendo confianza, ata que só faltaban oito días para a súa esperada chegada.

Quedar en terra

O Ulises noiés non tivo verán na casa. Foi convencido polo capitán para que pasase a ser o primeiro cociñeiro. Así pasou un ano máis sobre as augas do Caribe, Perú, Ecuador e Chile nunha repetición constante do traxecto dende Francia. Mais os monstros da morriña ían apertando cada vez máis forte, como se fose flanqueado por Escila e Caribdis.

«En 1968 regresei e fixen un curso de fontanería porque non pensaba volver navegar», era a hora de recuperar o reino, así que Díaz creou unha cooperativa con outras seis persoas. Sen embargo, faltáballe algo, a súa Penélope. En 1969 coñecía a Esther Díaz -coa que casaría ao ano seguinte- e dalgunha forma o destino non bisbou só en forma de apelido. Nunha época na que os casamentos eran temperáns, ela nunca se comprometera con 27 anos. Parecía que tamén esperaba por alguén.

Deste xeito, lanzouse a vender roupa como vendedor ambulantes polos mercados de Noia, Ribeira ou A Pobra, ata que en 1980 comprou unha casa e montaron un comercio, Modas Clavel -agora en mans da súa filla- co que sustentaron á familia. Finalmente, no 2003 xubilouse co recordo de quen viviu mil vidas.