O rianxeiro que desde Taiwán lle pon música a un libro de Castelao

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

ASIA

O compositor de Rianxo Antón Alcalde reside desde hai case dous anos en Taiwán
O compositor de Rianxo Antón Alcalde reside desde hai case dous anos en Taiwán

A Real Filharmonía estrea a peza «Un ollo de vidro», de Antón Alcalde

25 mar 2021 . Actualizado a las 15:33 h.

Hai case dous anos que o rianxeiro Antón Alcalde reside en Taiwán. Cando marchou, levaba na maleta un encargo da Real Filharmonía de Galicia: compoñer unha peza de temática galega sen caer no folclore. Antes de deixar atrás a terra de Castelao xa tivo claro que recorrería ao seu veciño escritor e galeguista como fonte de inspiración. Elixiu para a ocasión un dos seus libros de relatos, Un ollo de vidro.

Explica que é un texto que o deixou marcado desde a primeira lectura, no instituto, e que coa pandemia cobrou actualidade, pois alude de xeito macabro e irónico, ao estilo do autor, ao máis alá e a como a morte iguala a ricos e pobres. Todo iso, sumado a que para o ano se conmemorará o centenario da publicación do libro, ratificaron a selección de Antón Alcalde.

Establecido na illa asiática, onde compaxina a faceta de compositor coa de mestre de música, asumiu o reto de converter en notas o texto. Sobre este proceso, puntualiza que o resultado non é unha composición descritiva, senón metafórica: «Non busco transmitir coa música as páxinas de Castelao, iso sería imposible porque a linguaxe musical non ten esa función, senón que collo a idea da morte e sitúoa como personaxe».

Despois de sete meses de traballo, completou unha peza que a Real Filharmonía estreará este xoves no Auditorio de Galicia compostelán, baixo a batuta de Paul Daniel. Alcalde explica que, ao igual que Castelao abarcou no seu libro un amplo abano da sociedade da época, desde o cacique ata a moza que morre por amor, el engloba na súa obra case dous séculos de música vinculada coa morte. Na partitura resultante están reflectidas, por exemplo, catro notas da Sinfonía n° 4 de Mahler, as catro primeiras notas de A illa dos mortos de Rachmaninov e un tema de danza macabra de Saint-Saëns, que aparece incluso citada por Castelao.

Con anterioridade, o rianxeiro xa se deixara inspirar por outro veciño, tomando como referencia para unha composición Os arquivos do trasno, de Rafael Dieste: «Encántame poñerlle música a textos curtos, porque neles o autor tivo que sintetizar as ideas e así é máis factible pasalas á linguaxe musical». 

Primeiro disco en solitario

Na súa residencia actual, á que chegou cando aínda non irrompera o coronavirus e na que ata o de agora non sufriu os efectos das restrición debido á baixa cifra de contaxios, o rianxeiro traballa en diversos proxectos, entre os que destaca a gravación do seu primeiro albume en solitario. O traballo recollerá todas as súas composicións estreadas ata o de agora, parte das cales foron interpretadas en máis de 30 países, e unha peza relativa a Taiwán, pois quere que sexa un disco metade español metade taiwanés. Tamén se prepara para poñerse á fronte en setembro, como director convidado, da banda de Hsinchu, a cidade na que reside.

Despois, Antón Alcalde confía en poder cumprir o seu sono, que pasa por coller un par de anos sabáticos: «Levo compoñendo desde os 16, cando gañei o primeiro certame, e a cabeza precisa un descanso. Ou caio no erro de repetirme ou teño que parar e buscar novas fontes».