Os Faíscas de Solobeira chegan a China

O cuarteto actúa en Shangai co gallo dunha misión comercial para promover Galicia


Os Faíscas de Solobeira nunca chegaran coa súa música tan lonxe. Hoxe actúan en Shangai con gallo da China International Import Expo, onde a Xunta de Galicia participa nunha misión comercial para abrir mercados no eido da alimentación e do turismo. E que mellor tarxeta de presentación que as gaitas e a percusión máis tradicional.

Logo de voar durante nove horas ininterrompidas, o grupo vilagarciá collerá hoxe os instrumentos e vestirá o chaleco para actuar nun acto institucional no stand de Galicia. Interpretarán a alborada «Unha noite no santo cristo», a xota «Aires de carnaval» e un pasodobre e unha muiñeira co selo dos míticos Campaneiros.

É unha ocasión única para a formación musical, pero, sobre todo, para dar a coñecer o folclore deste recuncho da vella Europa chamado Galicia. «Estamos moi contentos por poder representar a cultura galega nunha feira pola que pasan unhas 150.000 persoas», segundo explicaba onte o músico cambadés Xaquín Xesteira desde o outro lado do planeta.

Con el viaxaron os seus compañeiros Ramón Vázquez, o Chilro (gaita), Xosé Manuel Gómez (tamboril) e Nicolás Andrade (bombo), que logo do dobre pase de hoxe terán ocasión de volver tocar mañá nu acto promovido por Feiraco.

Os Faíscas non son novos no mundo da musica tradicional galega, nin moito menos. A formación fundouse en 1982 recollendo a tradición do grupo que había no centro cultural do Sixto (Vilagarcía), ata que en 1992 toman o seu propio camiño e empezan a percorrer Galicia animando as festas e romarías.

Non son os únicos arousáns que participan na feira chinesa. Xesteira tivo ocasión de atoparse a miles de quilómetros da casa cun paisano, outro cambadés coma el, que no seu caso é mestre nos fogóns. Miguel Mosteiro participará en varios «showcooking» para demostrar que en Galicia pódese presumir, tamén, de gastronomía.

Votación
0 votos
Comentarios

Os Faíscas de Solobeira chegan a China