Francisco Porrúa, galego sen nostalxia, editor e tradutor

f. X. Fernández Naval

ARGENTINA

seoane

Cúmprese o centenario do editor de «Rayuela» e «Cien años de soledad»

19 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 7 de novembro cumpríronse cen anos do nacemento de Francisco Porrúa, un dos editores e tradutores máis importantes do século XX. Francisco José Joaquín Jesús Porrúa Fernández naceu en Corcubión en 1922. Con ano e medio marcha á Arxentina. Regresa a Galicia en 1932 e vive tres anos de adolescencia en Ferrol, onde o avó exercía de notario, pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos, lugar que lembrará sempre con moito cariño, «onde se entendía coas cousas da natureza e do verde». A cita é súa.

Ao cabo, emigra de novo á Arxentina, indo a vivir a Comodoro Rivadavia, ata que, rematados os estudos secundarios, o pai formúlalle a alternativa de buscar un traballo ou estudar bacharelato en Bos Aires. A opción elixida é a de continuar os estudos e prepararse para a vida universitaria na capital. En Bos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.

Editor, fundador en 1955 da editorial Minotauro que, segundo Luis Seoane, ofrecía nos seus catálogos algúns dos autores máis inmensamente minoritarios, iniciouse coa publicación Crónicas marcianas, de Ray Bradbury, con limiar de Jorge Luis Borges. Logo propoñerá a Julio Cortázar a publicación das Historias de cronopios y de famas. Pero o seu traballo de editor compleméntase co que desenvolveu, durante máis de vinte anos, na editorial Sudamericana, sendo responsable da edición de Rayuela, de Cortázar, e de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. Polas súas mans pasará practicamente todo o boom literario hispanoamericano.

Opinaba que ao traballo do editor se lle dá unha importancia como motor da cultura que en realidade non ten. Para el o editor forma parte dunha corrente que se inicia co escritor, continúa co editor, que o único que ten que facer é editar ben, e finaliza co lector.

O editor, afirmaba, non é máis ca un catálogo, o seu valor non vén determinado polas calidades intelectuais que teña na casa. Se o catálogo é bo, o editor é bo, se é malo, o editor é malo. Dicía isto quen resucitou a Leopoldo Marechal, quen confiou en Cortázar, quen deu a coñecer a García Márquez e quen mereceu premios tan importantes para un editor como o que cada ano concede a Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México) e que el recibiu no ano 2003.

Antes de editor, Porrúa foi tradutor, actividade que exerceu toda a súa vida. As súas traducións aparecen asinadas con pseudónimos, empregando para isto, tantas veces, os nomes familiares, fermoso xeito de manter vivo o vínculo orixinal, a pertenza a un territorio no que non viviu, pero que quixo: como Francisco Abelenda asinou a tradución de Crónicas marcianas, Manuel Figueroa aparece nos créditos de El hobbit e Luis Domenech nos de El señor de los anillos, ambas as dúas obras de J. R. R. Tolkien. Outro pseudónimo de raíz galega que utilizou é Gregorio Lemos.

O Pindo desde Barcelona

Luís Seoane dedicáralle unha das súas Figuraciós, en concreto a publicada na edición de La Voz de Galicia do 7 de xaneiro de 1973. Nela Seoane recoñece a paixón de Francisco Porrúa polos grandes escritores aparentemente sen lectores.

Eu tiven a fortuna de entrevistar a Porrúa na súa casa de Barcelona un sábado de finais de setembro do 2004. Definíase a si mesmo como galego sen saudade. Porén, confesoume que había días nos que ao observar a cidade e o mar dende o seu piso alto na Cidade Condal, parecíalle estar contemplando o monte do Pindo segundo se mira dende Corcubión. E é que a saudade está máis prendida a nós do que ás veces pensamos, porque non só se trata de estrañar aquilo que deixamos, do que nos desprendemos, porque tamén está a nostalxia do paraíso perdido que é a infancia, a nostalxia da inocencia. Francisco Porrúa faleceu en Barcelona o 18 de decembro do 2014.