María Rosa Lojo: «Non hai libro meu sen un personaxe galego ou unha referencia a Galicia»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

ARGENTINA

María Rosa Lojo
María Rosa Lojo .

A escritorta arxentina de orixen galego ingresa hoxe na RAG como membro de honra

28 sep 2022 . Actualizado a las 12:28 h.

Tiña que facerse antes, pero a crise do coronavirus obrigou a adialo. Hoxe saldarase a débeda. Nun acto que terá lugar na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña, ás 19.30 horas, a escritora arxentina María Rosa Lojo ingresará como membro de honra na institución. «É un recoñecemento que agradezo enormemente, unha emoción indescritible. Como filla de pai galego —natural de Boiro—, desde a infancia tiven unha poderosa marca de identidade. Iso acompañoume durante toda a miña vida a través dos relatos do meu pai». No seu discurso de aceptación, titulado Unha galega filla en Buenos Aires, falará de toda esa «identidade completa» e da consciencia de ter «outra patria».

María Rosa Lojo é unha recoñecida figura da literatura arxentina. Doutora en Letras pola Universidade de Bos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora académica do Centro de Edicións e Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, na capital porteña. Como escritora, ten unha prolífica traxectoria na que figuran varios títulos ligados a Galicia. Pódese ver desde a súa primeira novela Canción perdida en Buenos Aires al Oeste (1987) ata a última, Solo queda saltar (2018), pasando por Finisterre, traducida ao galego como A fin da terra (2006).

«Galicia está en todo o que escribo. Eu creo que non hai ningún libro meu no que non haxa un personaxe galego ou unha referencia a Galicia. Nuns tes protagonistas galegos, como Las libres del sur. Aí está Victoria Ocampo, unha personaxe arxentina histórica. A outra é unha galega, Carmen Brey, unha personaxe ficticia nacida en Ferrol. Na miña poesía tamén está moi presente Galicia», subliña Lojo. A escritora afirma que todo nela parte da poesía, mesmo a súa prosa: «Teño unha mirada poética do mundo, no sentido de transformación e revelación. A poesía quítanos do mundo utilitario para instalarnos noutra perspectiva. Eu miro a realidade desde esa perspectiva. Sobra dicir que aí hai moitos elementos de Galicia que transmigran a miña poesía e a miña narrativa».

Admiradora de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro («coñecinos porque se falaba deles na casa e a través da universidade»), tamén está ao tanto do que ocorre na literatura galega contemporánea: «Eses clásicos son grandes referentes para min, pero tamén moitos autores contemporáneos como Xavier Alcalá, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas e Fina Casalderrey, entre outros. Igualmente, as novas xeracións como Inma López Silva. Manteño un vínculo constante coa lectura de Galicia. Ademais, estou vinculada en Arxentina a un grupo que se chama Lectores galegos, onde se le o que se produce hoxe en día en Galicia.

A cuestión galega

Xunto coa súa faceta creativa, María Rosa Lojo ten un feixe de publicacións científicas nas que aborda a cuestión galega. Detense na emigración, o exilio e os espazos simbólicos, e analiza a súa influencia na identidade arxentina: «Dediquei moitísimo tempo a rastrexar as pegadas que os galegos deixaron na vida dos arxentinos, en que medida se consideraban galegos ou non, que calidades distinguían os arxentinos dos galegos… Buscar o legado de Galicia que é moito máis amplo do que en principio se pode crer». Afirma que Galicia forma parte do ADN de Arxentina, pero cun curioso paradoxo: «É como o conto A casa roubada de Poe, que é todo tan natural que non se ve, porque está á vista. Dámolo por sentado. Case non se percibe porque é evidente. Hai pouco escoitei a Víctor Freixanes dicir como lle sorprendía ao chegar alí [Arxentina] a cantidade de tendas e bares con nomes galegos… Iso é pola emigración galega. Pero tamén están os murais de Seoane, as obras de arte, as editoriais, as revistas... Todo aquilo que nos quedou como legado en Arxentina nun momento no que en España non se podía pensar nunha Galicia dona de si mesma, como quería Castelao».