De Bernasconi a Rianxo pasando pola infancia de Castelao

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ARGENTINA

O municipio rianxeiro e o arxentino están a dar os primeiros pasos para irmandarse coa infancia do pai do galeguismo como punto de unión

26 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Arxentina ten unha importancia capital na traxectoria vital de Castelao en dúas etapas ben diferenciadas. A última é ben sabida por todos, o exilio en Bos Aires, onde morreu; pero a outra é bastante menos coñecida e ten que ver coa infancia do intelectual rianxeiro na emigración ao outro lado do Atlántico. Precisamente, eses primeiros anos de vida de quen logo se convertería nunha figura política e cultural imprescindible para o galeguismo son o punto de unión entre Rianxo e Bernasconi e a base na que se apoian os primeiros pasos dados para que ámbolos dous municipios acaben irmandados.

Moitos non saberán que ten que ver a terra natal de Castelao con Bernasconi, pero esta rexión da Pampa arxentina foi o lugar no que o rianxeiro se estableceu cos seus pais cando emigraron. Viviu nese lugar, daquela unha inhóspita paraxe do país americano, entre 1895 e 1900, e alí naceron as súas irmás. Durante esa etapa, a familia rexentou La Cruz Colorada, un tipo de comercio xenérico que na Pampa se denomina pulpería e do que hoxe en día non queda nada.

Unha carta de Neira Vilas dirixida ao alcalde de Bernasconi hai uns anos na que preguntaba por La Cruz Colorada destapou o nexo que existe entre esa localidade e Rianxo e propiciou unha investigación que permitiu localizar o lugar exacto onde estaba o negocio —cerca do quilómetro 50 da ruta 154, camiño dunha explotación de salinas chamada La Colorada Grande— e unha serie de visitas que agora poden frutificar nun irmandamento.

Primeiro contacto

Hai uns días, o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños, tivo un primeiro encontro por videoconferencia co intendente —o equivalente ao alcalde— de Bernasconi: «Tratouse dunha toma de contacto inicial coa idea de profundar na relación entre os dous concellos, establecer un protocolo e ver a posibilidade de chegar a irmandarnos. As razóns son básicas: é o lugar onde Castelao se instalou coa familia na emigración e onde pasou cinco anos da súa infancia».

Esta experiencia non foi menor, nin moito menos, para o intelectual rianxeiro a pesares de que era un rapaz, e proba diso é un relato que aparece recollido no seu libro Retrincos e que leva por título O segredo. Este é outro dos argumentos que, na opinión de Muíños, reforzan o vínculo entre a Pampa e o municipio rianxeiro. «Ese lugar tan achegado á infancia de Castelao ten tamén a súa transcendencia, xunto coa etapa que viviu en Bos Aires», subliña. Polo tanto, conclúe, a relación con Bernasconi é moi importante.

En canto ao irmandamento, de levarse a cabo sería o primeiro que celebra o Concello de Rianxo e suporía estreitar os lazos con Arxentina mediante encontros virtuais, algunha visita e a colocación dunha placa ou símbolo desa unión nalgún espazo público.

Trataríase, en todo caso, de actividades de intercambio que permitirían dar a coñecer a figura de Castelao e a súa vinculación coas dúas localidades a ámbolos dous lados do Atlántico. Neste sentido, Adolfo Muíños sinala que a importancia e transcendencia que o intelectual ten en Galicia é descoñecida por moitos na Pampa, de aí o interese en divulgala, igual que moitos ignoran o pasado de emigrante do escritor en Bernasconi.