Luz Fandiño, a vella poeta punki que fala á mocidade

ARGENTINA

monica ferreiros

Sonia Méndez dirixe un documental sobre esta muller de case 90 anos, que namorou da literatura no Centro Galego de Bos Aires

01 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pola cociña de Luz Fandiño pasan moitas rapazas de Compostela, como quen visita a súa avoa achéganse onda ela, pero non para gozar dun prato enriba da mesa, van para acougar a fame do saber, esa que Luz espera que non vivan máis crianzas. Ela pasouna, esa e a de alimento, en Galicia e na máis dura emigración a Arxentina, onde atopou refuxio nos poemas de Rosalía que lía no Centro Galego de Bos Aires. As mozas sentan con esta muller de case noventa anos e escoitan as súas leccións, ditas con xestos de mans trementes, o único momento no que se lle nota a idade a unha persoa de espírito revolucionario intacto. Nesa mesa sentou tamén a cineasta Sonia Méndez, directora do documental Luz Fandiño, a poeta analfabeta, que recolle a vida e as ideas de Fandiño. É a primeira longametraxe da cineasta, para a que a historia da poeta foi unha descuberta «persoal e profesional». «Eu non a coñecía ata comezar a facer o documental. Foron moitos cafés con ela antes de pór a cámara. A rodaxe foi un proceso moi íntimo, no que tentamos contar a súa vida tamén dende a ollada de que é unha muller maior que vive soa. Organizamos o discurso con fidelidade para a personaxe», conta. Unha intimidade que aparece case de forma costumista, nun fogar que mestura símbolos revolucionarios cunhas castañas ao lume. Un escenario que non se tocou, para non perdelo: «Chegamos a ser ata cinco persoas gravando, pero non quixemos intervir no espazo», explica a cineasta.

 

MILITANTE, EMIGRANTE e autora

Cun colgante de Che Guevara e outro de Rosalía de Castro ao pescozo, nunha casa iluminada polas flores e polos múltiples recordos da súa vida, Luz conta como a súa nai desmentiu aquel rumor que circulaba polos colexios de monxas: «Eu son roja e comunista, ti víchesme comer nenos?». A vida política e militante de Luz estivo marcada por libros escondidos, salvados da queima do franquismo, que revelaban un mundo libre de inxustizas, un mundo que a súa nai xa non tiña esperanza de ver, polo que Luz segue loitando, e confía que chegue a ser real para as futuras xeracións. A vida persoal pasa pola parte máis dura da emigración, viaxar para Arxentina, e despois a Francia, con intención de axudar a súa nai e a súa avoa, non atopou os cartos, pero si o reconforto da biblioteca do Centro Galego de Bos Aires, onde namorou da literatura e comezou ela mesma a escribir. Alí, nos anos 60, naceu a Luz poeta e comprometida coa lingua que segue creando cada día versos novos. Voltou a Galicia, de onde non pensa saír nin en cinzas. A poeta militante pasou por varias formacións nacionalistas e acode a cada manifestación vestida con algo violeta, berrando «Galiza ceibe». «É unha muller incorruptible, que chegou aos noventa anos sendo unha punki e esperando que o que lle contaba a nai aínda pode pasar», conta Sonia. Luz é unha inspiración para mozos, e non tan mozos, que acoden a homenaxeala cos seus libros na man. A vida da poeta, sucedeu entre traballo e libros, no silencio ao que condenaban as mulleres con inquedanzas, que ela rompeu. Unha hora é pouco para coñecela, pero suficiente para sentir a acollida dun fogar cheo de flores que cheiran a poesía.