Sabela Galbán: «En Arxentina puiden coñecer á quinta provincia galega, como dicía Castelao» 

Mireia García RIBEIRA / LA VOZ

ARGENTINA

A rianxeira está de volta en Galicia despois da súa xira por Latinoamérica con Sés, un dos grupos que integra

30 mar 2022 . Actualizado a las 16:36 h.

A música de Rianxo, Sabela Galbán, estase recuperando do jet lag. Hai uns días, volveu de xira por Latinoamérica con Sés, un dos grupos que integra. A moza que se auto define como unha persoa fiel ós seus principios, forma parte de outras bandas como Silvaredonda.

O seu vínculo coa música xorde desde ben pequena, cando a súa nai lle cantaba. Na súa casa, conta, sempre houbo «moito afán pola música, non a nivel técnico nin profesional, pero si moito amor por ela».

En infantil atopou coa mestra que tocaba a frauta traveseira, o que a marcou. Aos 5 anos iniciouse en clases de piano, pero rápido decatouse de que iso non era o dela. «As clases supoñían estar calada, e o de estar en silencio o levo moi mal», puntualiza antes de falar da seguinte etapa. Con 11 anos ingresou na banda municipal de Rianxo, onde encaixou de primeiras «e logo xa foi un non parar».

Foi ós 15 anos cando descubriu a música tradicional galega e ingresou na asociación Vai de Roda. Ao rematar os estudos no conservatorio de Santiago, decidiu especializarse como mestra. Ao mesmo tempo continuaba vinculada a grupos como Carapaus, ata que chegou o proxecto con Sés.

O grupo viaxou o pasado 6 de marzo para dar o seu primeiro concerto en Bos Aires, tres días máis tarde da súa chegada ao continente.«Tivemos moi boa acollida en todas as cidades polas que nos movemos, estamos moi agradecidos» sostén a rianxeira, que subiu a escenarios en Montevideo, Córdoba e Rosario.

 «Tivemos moi boa acollida en todas as cidades polas que nos movemos, estamos moi agradecidos»

Sés repetía experiencia, mais para Sabela Galbán era a primeira vez que visitaba os países latinoamericanos. «En Arxentina puiden coñecer á quinta familia galega, como dicía Castelao», narra a integrante da banda coa que vén de encher os teatros do país.

Directo improvisado

Debido a problemas burocráticos non puideron realizar o último concerto que tiñan programado en Santiago de Chile.

«Parece que as Administracións chilenas van algo atrasadas no referente á xestión de certificados covid», explica Sabela Galbán.

Cando souberon que non ían poder tocar na capital, decidiron volver a Bos Aires e improvisar un último directo. «Íamos a cegas, e de casualidade demos cun local con decoración típica arxentina», pero a sorpresa foi maior cando, di Galbán, coñeceron os donos. Tres irmáns de descendencia española, que forman un grupo musical, son os encargados do establecemento onde pecharon a súa xira o 20 de marzo.

«Íamos a cegas, e de casualidade demos cun local con decoración típica arxentina»

A amante da música tradicional galega quixo destacar «o importante que foi descubrir esa parte migratoria de Galicia que reside en Arxentina. É un sentir único e indescritible».

Durante a xira por Latinoamérica subiu a escenarios como ó do café Berlín, en Bos Aires.
Durante a xira por Latinoamérica subiu a escenarios como ó do café Berlín, en Bos Aires. CEDIA

Leva un tempo lendo a biografía da muller de Castelao, Virxinia Pereira, onde se narra como o país os recibiu: «Foi xusto nesa parte da lectura cando eu cheguei a Bos Aires, sentín como os pelos se me poñían de punta».

Futuro sen pretensións

Algúns dos seus compañeiros aspiran a un futuro fóra de Galicia, pero ela está moi afincada á terra. De feito, sinala, houbo «un momento durante a xira na que botei moi en falta a auga, o monte, a paisaxe galega porque as grandes cidades cómenme a min».

«Houbo un momento durante a xira na que botei moi en falta a auga, o monte, a paisaxe galega»

Sen pretensións, o único que quere é continuar adiante co proxecto musical que ten entre mans con Sés. É máis, fai especial fincapé no necesario que é a existencia dun «bo roio» entre compañeiros de traballo. Por sorte, entre os compoñentes da banda creouse «unha amizade moi familiar».

Para a coñecida frautista de Rianxo, é fundamental que a xente coa que traballa «teña uns principios moi marcados aos que lle sexan fieis». Resaltando o importante que é para ela «establecer unha conexión humana», previa á profesional, só lle interesan «proxectos de carácter reivindicativos nos que se poida desenvolver con liberdade».

De cara ao que queda de ano, ten a axenda chea de compromisos con Sés. «Desexo que volvan os festivais sen restricións», manifesta a integrante do grupo que vén de revolucionar Latinoamérica coa súa música en directo.

«Desexo que volvan os festivais sen restricións»

Ansiosa por ver á xente nos concertos de pé, sen máscara, afirma: «É moi importante para os artistas sentir que a xente está gozando do que ve e do que escoita. É vital». Con alma de folclórica só busca manter o que ten.