Un libro recupera documentos, cartas e fotos inéditos de Castelao no exilio

Alfredo López Penide
López PEnide PONTEVEDRA / LA VOZ

ARGENTINA

Ramón Leiro

A documentación procede da colección do pontevedrés Roberto Taboada

31 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A colección do pontevedrés Roberto Taboada atesoura centos de fondos, moitos deles inéditos, e publicacións vinculadas con Castelao. Agora unha pequena parte deles, acompañados con textos de Lino J. Pazos, acaba de ver a luz coa edición do libro Castelao alén do mar. O propio Roberto Taboada destaca que todos estes documentos, cartas, fotografías e libros teñen o común denominador de que, agás os relacionados con París, están orixinados en América durante o exilio do pai do nacionalismo galego.

Neste sentido, e tal e como recolle a introdución, quen fora portavoz municipal do PSOE en Pontevedra resalta, entre os documentos que viron a luz co libro, «a correspondencia mantida con varios persoeiros do momento, como Rodolfo Prada, con motivo do seu nomeamento como ministro do gabinete de Giral —ao finalizar a Guerra Civil, José Giral presidiu o goberno republicano no exilio— en 1946». «Eiquí estivemos unhas semáns desourentados e inquedos por mor da desiñazón de vosté pra ministro do Goberno Republicán de Giral [...]. E namentras viva, i ogallá sexa aínda longamente, vosté terá o premio na íntima satisfacción da súa concenza de home e de galego, e no saberse ben querido e admirado por moitos corazós de patriotas galegos. O ladrar e as dentadas adoecidas dos cáns monstruosamente transmutados en persoas que luxan e traicionan o povo limpo e nobre de Galicia, son os cores mouros que paradoxicamente se fan indispensabres pra situar, en función de contraste [...], a beleza da figura capital do cadro», escribiulle Rodolfo Prada en abril daquel ano.

Esta misiva tería continuidade apenas uns meses despois cunha segunda carta oficializando o nomeamento de Castelao e deixando claro que «en España, frente a Franco, solamente hay una fuerza real, eficaz y trascendente: la República. Están enfrentadas hoy las mismas fuerzas que se enfrentaron en la Guerra Civil. No hay tercera España. La opción es forzosa: O con Franco o con la República».

Estes escritos acompáñanse no libro con notas manuscritas de Castelao sobre as súas intervencións no Consejo de Ministros, nas que expresa o seu posicionamento con respecto a distintas cuestións, como poden ser os orzamentos, así como relativas a unha conversa con Giral.

De igual xeito, é reseñable tamén a que, asinada por Arturo Cuadrado en nome da bonaerense Emecé Editores, remite ao autor de Sempre en Galiza para darlle conta, entre outras cuestións, de que «ahora estamos dispuestos a publicar las obras completas de nuestro Castelao». Cuadrado non deixa pasar a ocasión de remarcar que a súa obra editorial «es una responsabilidad de todos, ya que sus éxitos o fracasos tienen el alcance del mismo nombre de Galicia».

Ramón Leiro

En todo caso, Castelao alén do mar adéntrase, ademais, noutros aspectos menos coñecidos ao recuperar imaxes que gardaba Roberto Taboada e nas que se pode ver ao galeguista e a súa dona, Virxinia Pereira, montando a cabalo nunha excursión ecuestre polas aforas da Habana en 1938 ou durante unha visita á casa de Bos Aires de Elpidio Villaverde en 1944, ano no que quen fora alcalde de Vilagarcía ao proclamarse a Segunda República acompañou a Castelao a Montevideo para fundar o 15 de novembro de 1944 o Consello de Galiza.

Ilustrador de libros

A obra detense nun dos aspectos dos que, quizais, menos se fala cando se aborda a vertente artística de Castelao: a súa faceta como ilustrador de libros infantís e xuvenís. De feito, e tal e como apunta Lino J. Pazos, foi «o galego que máis libros ilustra da colección Biblioteca Billiken da editorial Atlántida» que impulsaron os «exiliados galegos dentro do proxecto cultural que desenvolveron en Bos Aires». Entre 1941 e 1944, ao menos doce dos libros desta colección estiveron ilustrados por Castelao —Los sertones, Los héroes del África misteriosa, Aventuras de Tom Sawyer, Miranda y los orígenes de la independencia americana o Grandes figuras de Grecia son algúns destes títulos—, un traballo que compaxina coa publicación de Sempre en Galiza (1944) ou a representación tres anos antes de Os vellos non deben de namorarse.

O volume arranca cunha reseña dalgunhas das obras de Castelao que ocupan as baldas da biblioteca de Roberto Taboada, algunhas delas tan «paradigmática» como un dos exemplares encadernados en tela de As cruces de pedra na Galiza que o galeguista non chegaría a ver publicado en vida ou unha tan «pouco coñecida» como Trascendencia y hondura de Castelao, «que fala da pegada que o rianxeiro deixou entre os seus seguidores».

O «Álbum Nós», no Museo de Pontevedra e nas bibliotecas

 

 

A figura de Castelao está intimamente ligada á historia de Pontevedra e, por extensión, á do Museo Provincial, que é un dos centros de referencia á hora de estudar a obra do autor rianxeiro ao albergar máis de 5.000 pezas orixinais. Entre elas, o do Álbum Nós, que foi adquirido hai pouco máis dun ano.

Ramón Leiro

E como conmemoración desta efeméride, a Deputación de Pontevedra e Galaxia publicaron unha edición especial institucional. No seu día, a deputada de patrimonio documental e bibliográfico, memoria histórica e  lingua, María Ortega, destacou que esta decisión xurdiu tralas conversas co director xeral de Galaxia, Francisco Castro, xa que o selo vigués ten legalmente recoñecidos os dereitos en exclusiva para a edición en papel e dixital de toda a obra de Castelao. «Houbo un acordo total porque entendemos que é preciso colaborar na difusión da obra de Castelao», subliñou ao respecto.

A Deputación distribuirá a publicación a todas as bibliotecas municipais da provincia co fin de que calquera persoa a poida consultar. De igual modo, empregará tamén as copias do Álbum Nós agasallo institucional, «toda vez que é unha obra carismática e emblemática para a cultura galega e o país», cuxo orixinal exponse no segundo andar do museo. Composto por medio centenar de estampas, a adquisición desta colección obrigou a dirección do museo a reformular os contidos da sala Castelao con cambios substanciais, reordenando pezas de catro décadas de traballo do autor datadas dende primeiros anos do século XX ata avanzados os anos corenta. Así, enxalzan, «a peza é, de feito, unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao que perfecciona a relación do museo co debuxante galego».