Os Premios da Cultura Galega distinguen a Bernardino Graña, Natalia Lamas, Antón Pulido e Nova Galega de Danza

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

ARGENTINA

XOAN CARLOS GIL

Na nómina de oito galardoados tamén están Zaza Ceballos, o programa televisivo «Dígocho Eu», o mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacions Galegas da República Arxentina

04 nov 2021 . Actualizado a las 02:07 h.

Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG Dígocho Eu, o mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina son os distinguidos este ano cos Premios da Cultura Galega. Con eles, a Xunta de Galicia pretende recoñecer a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

O xurado, que se reuniu esta mañá na Cidade da Cultura, premiou no apartado de Letras ao poeta, narrador e articulista Bernardino Graña, que desde o ano 2010 forma parte da Real Academia Galega (RAG). Na categoría de Artes Plásticas, a distinción recaeu no ourensán Antón Pulido, que participou en mostras de todo o mundo e foi o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Nova Galega de Danza, pola súa banda, recibirá o galardón de Artes Escénicas. A compañía, que xurdiu a finais dos 80 cando os bailaríns Vicente Colomer e Jaime Blanco Díaz buscaban novas formas de expresión, aposta pola indagación e a experimentación.

O Premio da Cultura Galega no eido da Música irá parar ás mans da artista ferrolá Natalia Lamas, que é presidenta da asociación Amigos de la Ópera da Coruña e actuou en múltiples escenarios a nivel internacional. Xa fora, ademais, recoñecida coa Medalla Castelao da Xunta no 2003. Zaza Ceballos, pola súa banda, levará a distinción no apartado de Audiovisual. A produtora, escritora e directora cinematográfica é unha das pioneiras do audiovisual en Galicia. Tamén recibiu a medalla Emilia Pardo Bazán polo seu labor en prol do recoñecemento da muller.

Na categoría de Lingua, os Premios da Cultura Galega recoñecen o programa Dígocho eu. Presentado por Esther Estévez, resolve dúbidas sobre a lingua galega de maneira sinxela conectando co público de todas as idades a través da TVG e as súas redes sociais. Pola súa banda, o mosteiro de San Pedro de Rocas foi o elixido polo xurado no ámbito do Patrimonio Cultural. Tivo en conta para elo que é probablemente o conxunto cenobítico máis antigo de Galicia. Situado no concello ourensán de Esgos, resaltan que é o máis visitado da Ribeira Sacra. Por último, no apartado de Proxección Exterior, a gañadora foi a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, unha das máis importantes organizacións non mutualistas da emigración galega en Arxentina e impulsora da editorial Alborada. Unha das súas iniciativas máis recentes é a creación do Museo da Emigración Galega en Arxentina.

O xurado que elixiu os gañadores dos Premios da Cultura Galega 2021 estivo encabezado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e contou tamén con representantes de distintos eidos, como o reitor da Universidade de Vigo, a presidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, a directora de Hércules de Edicións, o director do museo Arquelósico Provincial de Ourense, a directora de programas da Radio Galega, a comisaria de exposicións María García-Alén, o secretario xeral de Cultura e a secretaria xeral de Igualdade.