Roberto Leal: «Con esta cara de gordiño bo podo esconder un auténtico monstro»

Irene martín SANTIAGO / LA VOZ

ARGENTINA

XOAN A. SOLER

O actor nado en Bos Aires di que o teatro serve para coñecerse e relacionarse

17 may 2021 . Actualizado a las 13:16 h.

Ispe a súa vida durante unha conversa de tres cafés e un vermú na cafetería do hotel Araguaney. Roberto Leal Jiménez (Bos Aires, 1956), actor de teatro, cine e televisión, di que o seu lugar no mundo é Santiago, onde se estableceu hai máis de trinta anos, os mesmos que leva sendo profesor de teatro no colexio Peleteiro. «Cheguei a ter ata oito grupos no centro, sempre hai picos, pero agora o mundo audiovisual fainos moita competencia. O teatro serve para tantas cousas, para relacionarse, crer nun mesmo e coñecerse… Logo da función do outro día, unha nai achegouse a saudarme e agradecerme o que fixera polo seu fillo, un rapaz moi tímido que lograba superarse en escena. Casos coma este teño moitos; porque, ademais, eu indago nas clases sobre as relación familiares e o entorno do neno. E gústame velos crecer como persoas», tal como explica o docente, que vén de finalizar as sesións de Terceiro acto no Salón Teatro; unha exitosa produción do Centro Dramático Galego, texto e dirección de Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, co protagonismo compartido de Belén Constenla, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo Cunha. Algúns dos que foron os seus alumnos fan hoxe cousas no sector audiovisual, pero hai tres nomes senlleiros que fixeron unha carreira destacada, como o popular actor ferrolán Javier Gutiérrez, a directora adxunta do Centro Dramático Nacional -Fefa Noia- e a xornalista de Radio-3, Carolina Alba.

Lembra con gusto a súa intervención na serie O sabor das margaridas, malia o seu «repugnante» papel: «Divertínme tanto, e que facer de malo mola moito. Había un equipo estupendo: maquillaxe, perruquería, atrezzo, iluminación, todos». Á pregunta de como, neste caso, se enfronta o actor a un personaxe que é un psicópata criminal, responde que entra por outro lado: «Pasa por intentar entender o personaxe dalgunha maneira». Matar o pai, matar a pedradas, traizoar, entre outros, forman parte do abano de roles malos ou perversos que tivo que facer, porque lle deron uns cantos ao longo da súa carreira profesional: «Con esta cara de gordiño bo podo esconder un auténtico monstro».

A súa participación na película Elisa e Marcela, levouno a trabar certa amizade coa súa directora, Isabel Coixet. «Convidoume ao festival de cine de Berlín, onde competía a cinta. Foi xusto antes da pandemia, e mesmo nos conseguiu unha entrada para unha alumna de Peleteiro, Andrea, que vivía alí. É unha tía tan normal. Comemos xuntos no María Castaña cando estivo en Santiago…», destaca o actor.

Roberto, de voz timbrada, é dos que sempre colle o móbil: «Vivimos collendo números descoñecidos. E se me chaman Alejandro Amenábar ou Pedro Almodóvar?», advirte con humor. O mesmo que cómpre ter para aguantar nunha profesión «tremendamente» irregular. De feito á xente nova que quere dedicarse a isto, recoméndalles paciencia e forza para vencer o desalento, «que aparecerá moitas veces. É duro e difícil ver como traballa o do lado e ti non. De feito, cando traballo estou sempre de bo humor, pero cando non, vólveste un resentido e un envexoso», segundo expresa. Agora ben, igualmente aconsella que cómpre defender todo o que un fai, «por merda que sexa. E non instalarse na queixa -engade-. Eu tamén era un queixón, algo que non che leva a nada».