«Mi Buenos Aires querido»

ESTÍBALIZ VEIGA

ARGENTINA

CEDIDA POR ESTÍVALIZ VEIGA

La actriz mariñana Estíbaliz Veiga escribe desde la capital argentina para La Voz

10 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Mi Buenos Aires querido...». Levo case un mes fóra de Galicia. O meu primeiro destino, obviamente por traballo, é Buenos Aires. De moi nena vía as casas indianas de Ribadeo e imaxinaba unha película. A miña ilusión voaba creando mundos hipotéticos para aqueles que viviran nelas. Fascinábanme as palmeiras, xardíns tropicais e columnas brancas.

Meu avó falaba das familias de Celeiro de Mariñaos que emigraran. Tiñamos uns parentes que vivían en Road Island, e a min parecíame como se fora outro planeta o lonxe que estaban.

Viñan algún verán con aqueles «looks tan totais”,... pantalóns vaqueiros e pelo cardado mesturado cuns calcetíns ben brancos e tamén, (importante), con aquela predisposición a convidar a todo. Eu daquela non tiña nin idea do que significara para estes galegos facer as Américas.

Tiven que esperar a ler a Rosalía no instituto para emocionarme de veras coa nostalxia pola vista dos seus ollos e ler a Castelao para comprender a “soidade” do exilio, pero aínda seguía sen saber ben o significado tan categórico da Morriña, esa palabra tan nosa.

Levo case un mes entrevistando a persoas que tiveron que deixar a súa vida, a súa familia e a súa alma para emprender viaxes en barco case infinitos para chegar a unha urbe coma o Buenos Aires de primeiros do século XX. Coa maioría, conteño as bágoas, de verdade. As historias das súas vidas superan con medras a ficción de calqueira película. Son increíbles.

Non podo contar moito deste novo proxecto que como presentadora de televisión é todo un reto, pero que como muller me está ensinando unha pequena parte da dura realidade dos indianos e emigrantes que deixaron literalmente a pel das mans do outro lado do Atlántico, para volver á súa Galicia, sendo «outros».

As miñas fantasías idílicas de nena non se axustaban ao tantísimo que loitaron as mulleres e homes dos que falo neste artigo. Unha rotunda admiración é a que me provocan todos eles, todas elas.

Despois do vivido, para eles esta pandemia xerada pola covid-19 non é máis que outro barco no que non mirar atrás. Sempre cara diante, con moita morriña polo perdido, por suposto, pero cara diante. Se eles puideron levantar un “novo mundo», nós -a pesar de todas as dificultades neste momento, que ben sabemos que as hai- tamén debéramos intentalo.