Na lembranza de Perfecto López, aos 50 anos do seu pasamento

La Voz

ARGENTINA

Xosé Maria Lema, á dereita, na presentacion do seu libro sobre Perfecto López. Ano 2018
Xosé Maria Lema, á dereita, na presentacion do seu libro sobre Perfecto López. Ano 2018 BASILIO BELLO

ABC del Partido de Corcubión publicou nas súas redes un texto en memoria do vimiancés

14 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 12 de setembro de 1970, medio século atrás, morreu en Buenos Aires Perfecto López, un dos dirixentes máis importantes da historia do galeguismo, e home fundamental da historia da ABC do Partido de Corcubión. Naceu na Toxa, na parroquia de San Vicenzo de Vimianzo o 12 de maio de 1904. As súas orixes foron no seo dunha familia moi pobre, traballando de neno en varios oficios. Con 18 anos decide procurar o seu futuro emigrando á Arxentina. Comezou traballando de chofer, e tras gañar algún diñeiro volve á terra. Non tardaría en volver para Buenos Aires. No segundo intento, fixo unha fortuna no ramo da automoción e na compra-venda de terras. Foron moitos os emigrantes de Vimianzo que atoparon o seu primeiro traballo nalgunha das empresas de Perfecto. Dende a chegada de Castelao a Buenos Aires en 1940, Perfecto vai formar parte do reducido grupo de persoas de confianza do rianxeiro. Logo do pasamento de Castelao, López continuou traballando no labor político destacándose como interlocutor entre os galeguistas de Galaxia, liderados por Ramón Piñeiro en Galicia, e os galeguistas do Consello de Galiza en Bos Aires. Tamén participou nas asociacións de emigrantes, mais a entidade onde tivo a máis importante participación foi na ABC, da que foi directivo durante mais de trinta anos, algúns deles como presidente. Perfecto impulsou, revitalizou e colocou a nosa asociación entre as mais importantes da colectividade galega emigrada. Froito do seu compromiso foron as xestións para a compra da casa social da rúa Venezuela e do recreo social de Vicente López. Tamén foi presidente da Editorial Citania, que tiña como director literario e alma máter a Luis Seoane, e polo tanto responsable de publicacións como «A esmorga» de Eduardo Blanco Amor, entre outras. Fai pouco tempo, a finais do 2018, o escritor e filólogo Xosé María Rei Lema presentou un libro moi minucioso sobre a vida de Perfecto López: Un vimiancés na Galiza ideal.

Extracto do texto publicado no FB de ABC del Partido de Corcubión.