Salustiano G. López, un precursor do fútbol e baloncesto arxentino

carlos nuevo cal VIVEIRO/LA VOZ

ARGENTINA

Do seu Celeiro natal emigrou ao Val de Puán na Arxentina

29 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Salustiano María Antonio González López ?“El Gallego González, ou Agustín Selza Lozano” na historia do deporte arxentino? naceu en Celeiro (Viveiro) ás sete da tarde do día trinta e un de maio de 1889, no barrio do Porto, sendo bautizado sab conditione ao día seguinte polo párroco celeirés José Díaz Teijeiro. Fillo do matrimonio formado por Jesús González Villalba e Vicenta López Sanjurjo, naturais de Xove e Celeiro, respectivamente, foron os seus avós paternos Manuel González e maila súa primeira esposa, Luisa Villalba de San Bartolomeu de Xove; maternos, José Antonio López e a súa viúva María Josefa Sanjurjo, de Celeiro.

Ademais de Salustiano, primoxénito, o matrimonio tivo outros sete fillos máis: José, Luisa, Mª Josefa, Jesús, Manuel, Matilde e outro irmán que morreu ao nacer. Criáronse no seo dunha familia acomodada, pois o pai exerceu durante máis de trinta anos como secretario do concello de Viveiro e logo do de Xove, onde desenvolveu un rol destacado naqueles tempos convulsos e caciquís da Restauración, dominada polos dous grandes partidos: liberal e conservador. Igualmente, o avó materno exerceu como funcionario da Axudantía de Mariña no porto celeirés.

Logo da etapa de formación escolar e por motivos que descoñecemos, ben para labrar un mellor porvir, ou mesmo, por evitar o servizo militar, os seus pais enviárono á Arxentina baixo a tutela duns familiares que residían en Puán. Salustiano, que contaba con 14 anos, embarcou o 13 de novembro de 1903 para Bos Aires, a bordo do vapor “Oropesa”. Tempo despois tamén emigrarían a Arxentina e Cuba os seus irmáns José, Jesús e Manuel, ficando na Mariña as tres irmáns. Luisa e Matilde estudaron Maxisterio e exercerían en Celeiro durante longos anos.

O 30 de xuño de 1907, catro anos despois de establecerse en Puán, no suroeste da provincia de Bos Aires, o noso protagonista fundou xunto con Carlos A. Monti e José M. Rossell o denominado Puán Football Club (“O Fara”). Os seus futbolistas que vestían a camiseta branca e negra, cores representativos do día e da noite, foron alcumados popularmente os “faraones”, fronte aos “Tártaros” do Club Atlético Federal cos que mantiñan unha gran rivalidade. En Puán, Salustiano ensinou as regras de xogo aos futuros xogadores e converteuse no primeiro árbitro da localidade. Dende o ano 1913 ao 1917 foi vicepresidente da Federación Comercial de Deportes da capital federal. Nestes anos iniciou a súa gran paixón polo xornalismo deportivo enviando as primeiras crónicas a distintos medios arxentinos até que en setembro de 1914 deu o paso cara ao xornalismo profesional.

En adiante, o deporte converteuse no motor da súa propia vida, asinando os seus numerosísimos artigos e crónicas deportivas baixo os pseudónimos de E.L. Gallego González, Agustín Selza Lozano, Luís A. Santo ou Fray Luis Sotana, anagramas formados co seu nome e apelidos.

Iniciouse como redactor deportivo do diario La Nación na capital bonaerense, medio no que permaneceu até 1928. Durante 1920 e 1921, alternando con dito traballo, ocupouse da dirección de deportes do xornal La Mañana. Logo, entre 1922 a 1926 residiu en Montevideo como representante de La Nación, onde desenvolveu un importante labor socio-deportivo.

De regreso na Arxentina ademais de continuar como redactor de la Nación colaborou en distintas cabeceiras xornalísticas: Sport Ilustrado, El Hogar, Mundo Argentino, Mundo Infantil, P.B. T., Caras y Caretas, La Cancha, Esto es, Última Hora e Mundo Deportivo, da empresa Haynes. Dende 1928 a 1955, ano da súa xubilación, foi xefe da sección de deportes de El Mundo ao tempo que colaboraba en La Nueva Provincia de Bahía Blanca e nos rotativos El Litoral de Santa Fe, La Gaceta de Tucumán, El Diario de Paraná, El Liberal de Santiago de Estero, La Capital de Rosario y Los Andes de Mendoza.

En 1928, Salustiano, iniciou unha importantísima labor propagandística que marcou a definitiva popularización e expansión do “basquetbol” por todo o territorio pratense. Grazas á celebración do primeiro Campionato Arxentino (1928), organizado pola Federación porteña de baloncesto, o torneo mobilizou multitudes, uniu ás provincias participantes e serviu para descubrir novas figuras do deporte “amateur” que en moitos casos pasarían a formar parte do combinado nacional. O prestixioso xornalista de El Gráfico, Oswaldo Ricardo Orcasitas (O.R.O.), ten narrado o fondo significado unitario e nacional da famosa frase que inmortalizou ao noso paisano cando definiu o torneo como: “El más Argentino de los Campeonatos”.

Neste mesmo ano regresou a súa amada Galicia, acompañando a varios equipos arxentinos e uruguaios que viñeran disputar unha serie de partidos amigables co Celta de Vigo, motivo polo que escribiu diversas crónicas para a prensa viguesa, arxentina e norteamericana.

Durante os anos de 1931 e 1932 Salustiano González López desempeñou o cargo de vicepresidente da extinguida Confederación Arxentina de Fútbol. Ao mesmo tempo continuou colaborando en revistas e periódicos estranxeiros como o xornal El Plata de Montevideo, Temas de Nueva York ou a revista española Campeón que se editou en Madrid dende 1932 a 1939 e na que el publicou máis de sesenta entregas sobre o deporte “ríoplatense”.

Un teórico do fútbol e do basquetbol

Como teórico e estudoso do balompé “Agustín Selza Lozano” publicou en 1933 o libro intitulado «Fútbol. Técnica y tácticas de juego moderno». Unha obra referencial para o esclarecemento e interpretación do regulamento futbolístico tanto para os xogadores profesionais como para os árbitros, xuíces de liña, técnicos, espectadores, xornalistas e afeccionados en xeral. O destacado comentarista e locutor arxentino Enzo Ardigó gabou a obra deste xeito: “No conocemos nada igual en idioma español, escepción hecha del Reglamento de Fútbol Asociación, de Pedro Escartín Morán. Con esta ventaja para Selza Lozano: la totalidad de sus páginas está destinada al examen e interpretación de las reglas. Las interpreta sin extraer conclusiones”.

No ano 1943 Salustiano gañou o concurso convocado pola Asociación de Fútbol Arxentino para realizar a historia deste deporte, coincidindo co 50 aniversario da entidade fundada o 21 de febreiro de 1893. O premio consistiu nunha medalla de ouro e 2.500 dólares en metálico, así como a publicación da súa obra intitulada, «El fútbol desde 1867». Con esta distinción o celeirés converteuse no único xornalista laureado pola AFA. Igualmente, foi fundador e tesoureiro do Círculo de Periodistas Deportivos até 1947, figurando co carné número 1.

Despois da súa xubilación, en 1954, publicaría «Mil goles y otros cuentos deportivos», editado catro anos máis tarde por Castellví. Xa en 1969, a prestixiosa editorial Paidós reeditaría a súa obra Fútbol, Código de sus leyes, explicado e ilustrado.

Outro tanto fixo co deporte da “canasta” onde tamén deixou a súa pegada coa redacción dos estatutos e o regulamento da Confederación Arxentina de Basquetbol, ademais da publicación do libro Basquetbol. Historia de los Campeonatos Argentinos. Asimesmo, obtivo unha mención no Certame literario do club Bartolomé Mitre de Mar de Prata, pola crónica, «Un dramático partido de basquetbol».

Salustiano González continuaría colaborando en distintas cabeceiras xornalísticas e aínda sería co-fundador da revista España Gráfica en América, manténdose activo até o mesmo día do seu falecemento, o 19 de outubro de 1972, vítima dun accidente cando regresaba ao seu fogar da Avda. de Díaz Vélez, logo de participar nunha reunión do Círculo de Xornalistas Deportivos. Da súa necrolóxica, entre outros, encargouse Luis Seoane que lle dedicou un fermoso artigo na Voz de Galicia, acompañado dunha caricatura da súa autoría.