Sés emprende a súa primeira xira por América Latina

La Voz REDACCIÓN

ARGENTINA

Sés
Sés

Actuará en Arxentina, Uruguai, Paraguai e El Salvador

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantautora galega Sés empezará mañá a súa primeira xira por América Latina, na que ofrecerá concertos en acústico e obradoiros sobre música tradicional galega. O percorrido da artista levaraa a diversas cidades de Arxentina, Uruguai, Paraguai e El Salvador. O día 30 Sés impartirá un obradoiro de pandeireta, ritmos e cantos no Retiro de Tamboreras na Patagonia e o 2 de febreiro participará no Festival Mujeres a la Patagonia. Despois a cantautora desprazarase a Uruguai para dar unha clase mestra de pandeireta no Centro Galego Valle Miñor de Montevideo e un concerto na Sala Magnolio. As demais citas en Arxentina serán no Club Corcubión de Buenos Aires, no centro cultural Torquato Tasso e o Centro Galego de Rosario. En Paraguai participará nun coloquio e ofrecerá un concerto na capital, Asunción, mentres que en San Salvador actuará dúas veces, no Centro Cultural España e no Festival Internacional de Arte y Cultura de Suchitoto.

No seu regreso de Latinoamérica, Sés emprenderá unha nova xira, na que presentará o seu novo disco, Liberar as arterias. Entre outras actuacións ten xa concertadas citas en Vigo (6 de marzo), Lugo (14 de marzo), A Coruña (22 de marzo), Pontevedra (4 de abril) e Santiago (26 de abril). No calendario da xira están incluídas tamén Ponferrada, Bilbao, Málaga, San Sebastián e Madrid.

Liberar as arterias é o sétimo disco de Sés, que compón tanto música como letras.