Xavier Alcalá: A cara be da emigración arxentina

O seu novo libro recupera a historia dun delincuente galego afincado en Bos Aires


Ribeira / la voz

Para Xavier Alcalá (Miguelturra-Ciudad Real, 1947) a emigración galega supón unha fonte constante de inspiración, con multitude de historias que poder trasladar ás paxinas das súas novelas. A última acaba de saír ao mercado editorial logo de case 25 anos de investigación. De feito, por iso o título é tan significativo -The making of-, xa que nunha parte da obra fálase de todo o proceso de recompilación do material narrativo que conforma o libro que hoxe, ás 20.00 horas, presentará no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira. 

O autor sitúa a súa historia na cidade de Comodoro Rivadavia, ao sur de Bos Aires, onde o descubrimento de petróleo fixo que «comezara a correr o diñeiro e alí fose caendo xente de todo o mundo. Ao principio non había porto, e alí chegaron os de Ribeira e Fisterra para darlle peito ao mar, e logo xa se quedaron alí», lembrou Alcalá para explicar a vinculación do seu traballo coa capital barbancesa. Nesta singular urbe apareceron moitos galegos, entre eles, o protagonista da historia, Alfredo Mosquera, alcumado o Coghomelo, «un tipo que é levado polas circunstancias, un trapalleiro que acaba enguedellado co sistema de fornecemento de homes e materiais dos nazis na Segunda Guerra Mundial».

O interese dun parente de este emigrante galego por saber como acabara o Coghomelo fixo que Alcalá e o seu amigo Manuel Antonio Rey Flórez, Cholo, iniciasen a investigación sobre este personaxe. «O que atopou Cholo foron uns documentos policiais e xudiciais que dan arrepíos. Era un elemento de categoría. Nun dos informes das detencións sucesivas din que non porta armas, senón que este resolvía todo a piñas». Sen embargo, a cousa foise complicando moito co paso do tempo, e acabou mal, «como di un capítulo da novela, acabou ferido de bala».

Parte escura

Despois de anos de investigación, Alcalá e Cholo descubriron que hai unha parte escura na vida de Alfredo Mosquera, «uns sucesos que non lle encaixan á policía, non é que lle botasen terra enriba, é que non se sabe que pasou. Entón, hai unha parte de ficción na que nós falamos do que puido ocorrer, que a conta o narrador omnisciente da obra, que el si o sabe», destacou o escritor, que dixo que ese é un dos motivos que van enganchar aos lectores. «Eles saberán o que pasa, pero non como pasa, cunhas viraxes sorprendentes das circunstancias que mudan constantemente, porque están ocorrendo durante a Segunda Guerra Mundial».

O autor recoñeceu que aínda que comezaron a investigación no 1994, estivo moito tempo parada por falta de datos, e non foi ata hai seis ou sete anos cando todo se acelerou moitísimo e puido rematarse o traballo. A súa pena foi que o seu compañeiro Cholo faleceu pouco antes de que esta novela saíra ao mercado, aínda que puido vela en formado PDF. «Fixemos sete versións distintas, porque para iso están os editores, para que che fagan escribir moitas veces para que o que se publique teña non só valor literario, senón que sexa fácil de entender para o público», explicou Xavier Alcalá, que confesou que foi un dos libros no que máis traballo investiu.

Aínda que agora está presentando esta novela por media Galicia, Alcalá non descansa e xa está preparando outro novo traballo, no que a emigración volverá ser unha das protagonistas. «Fálase de que os xudeus e os irlandeses andaron por todo o mundo, pero é mentira, os que andaron por todo o mundo foron os galegos. Galicia non é Galicia, Galicia é a diáspora», afirmou. O escritor quixo dar algunha pista desta futura obra: «Estame contando a súa vida a muller do médico persoal de Fidel e Raúl Castro. E, como pasa sempre, é dunha vila con moito mar como é Sada».

Presentación.Presentación. Xavier Alcalá visitará esta tarde Ribeira para presentar o seu libro «The making of». No acto estará acompañado do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, de Elvira Pisos, presidenta da Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño, e do xornalista Ciprián Rivas, que tamén aparece na novela.

Votación
0 votos
Comentarios

Xavier Alcalá: A cara be da emigración arxentina

Este proyecto ha sido cofinanciado por