«A derradeira leición do mestre» de Castelao atópase co país ao que deu voz

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

ARGENTINA

O cadro foi desembalado este mércores na Cidade da Cultura, onde se poderá ver a partir deste venres
O cadro foi desembalado este mércores na Cidade da Cultura, onde se poderá ver a partir deste venres PACO RODRÍGUEZ

En Marea e BNG critican a explicación «descafeinada» que Feijoo deu sobre o cadro

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de agosto de 1945 presentábase en Bos Aires con motivo do Día dos Mártires Galegos o óleo A derradeira leición do mestre. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a pesar da súa cegueira, recreou nun cadro de grandes dimensións a estampa número 6 do seu álbum Galicia mártir, publicado en Valencia en 1937, no que denunciaba a represión exercida polo bando franquista. Este mércores, despois de 73 anos, era a primeira vez que se vía en Galicia ese lenzo no que dous nenos choran ante o cadáver do seu mestre asasinado. Un feito histórico, tal e como o definiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que presenciou a desembalaxe da obra na Cidade da Cultura, nun acto no que tamén participaron pola importante simboloxía da peza representantes dos grupos parlamentarios da oposición -En Marea, PSdeG e BNG-, outros membros do executivo e representantes do Centro Galicia de Bos Aires, institución propietaria da pintura.  

O cadro exhibirase ao público a partir deste venres no Museo Gaiás, como eixe central da mostra Castelao maxistral, que se poderá visitar ata marzo, momento no que A derradeira leición do mestre regresará á Arxentina. A exposición tamén contará con todos os debuxos de Castelao sobre a educación, espazos protagonizados polo ensino, así como pezas que demostran a dimensión internacional que adquiriu esta obra e un apartado dedicado aos mestres represaliados.   

«Recibimos con emoción unha obra significativa, un símbolo para Galicia, pola man que a pintou, pola súa calidade e pola lección histórica que representa e a homenaxe que fai aos mestres», destacou o presidente da Xunta sobre o lenzo de Castelao. Tamén fixo fincapé na súa «carga simbólica, coa defensa da educación fronte ao fanatismo» e indicou que o cadro «reconcílianos coa xustiza e fainos sentir máis galegos». Unhas verbas que espertaron a crítica inmediata do portavoz de En Marea, Luís Villares, porque, anotou, «hai cousas que se deixaron de dicir. Hai elementos que son imprescindibles, porque o mestre que figura no cadro é un que foi asasinado, palabra que non foi mentada, e a evocación que fai Castelao é a de Alexandre Bóveda». Nese senso, indicou, a presenza da pintura en Galicia debe lembrar que «hai unha conta pendente con todos os galegos asasinados». Ademais, a deputada de En Marea neta de Alexandre Bóveda, Ánxeles Cuña, deixou a zona das autoridades.

Tamén a portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou esa falta de detalles: «Necesitamos coñecer a Castelao sen descafeinamento. Foi un nacionalista que defendeu esta nación e sufriu o exilio por iso [...]. Hai que poñer en valor o que supón este cadro, está denunciando o asasinato de Bóveda, o intento de aniquilación do nacionalismo polo fascismo». O portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, avogou porque esta mostra sirva para acadar un maior compromiso da Xunta coa memoria histórica e a eliminación da simboloxía franquista.

o traslado do óleo

Escolta policial e unha embalaxe específica para resistir as diferenzas de temperatura

«Está en moi bo estado». A afirmación da técnica do departamento de exposicións da Cidade da Cultura Carmen Menéndez certificaba que o traslado iniciado a pasada semana do óleo de Castelao se completara segundo o previsto. Para esta histórica viaxe contouse cunha embalaxe específica, tendo en conta que ía ser sometido a moitas diferenzas de presión e de temperatura, ademais da manipulación, «que é sempre o momento máis crítico». Así, o lenzo estaba protexido por material ignífugo e que mantiña os estándares de humidade. Tamén tivo escolta policial para o seu traslado por estrada dende Madrid. Menéndez engadiu que, aínda que a obra tivo que ser restaurada hai unha década porque tiña unha rotura na súa parte inferior dereita, as súas condicións son adecuadas.