«Cada vez que veño a España non podo deixar de pisar a amada Galicia»

Verónica Couto / Marta López CARBALLO / LA VOZ

ARGENTINA

Ana Garcia

Carlos óscar Ameijeiras Miñones, presidente dunha asoicación de emigrantes en Arxentina, participará mañá na inauguración da mostra de Castelao no Gaiás

03 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Óscar Ameijeiras Miñones tiña 11 anos cando pisou Galicia por primeira vez. Fíxoo da man dos seus pais, ambos nados no Concello de Vimianzo e emigrados na Arxentina dende había dous decenios. Dende entón tentou sempre manter os lazos de unión coa súa terra de orixe, ben fose con viaxes asiduas ou presidindo unha das entidades máis representativas da emigración na Arxentina. Dende o 2007 dirixe a Asociación Benéfico Cultural (ABC) do Partido Xudicial de Corcubión e estes días visita a Costa da Morte antes de participar na inauguración da mostra de Castelao no Gaiás, en Santiago.

-¿Que o trae por Galicia?

-O que me trae sempre: o amor pola terra dos meus pais. Aproveito para visitar á familia e aos moitos amigos que teño por aquí. Cada vez que veño a España non podo deixar de pisar a amada e querida terra galega.

-¿Vén con frecuencia?

-Todo o a miúdo que podo. Cada dous anos máis ou menos, porque a miña asociación organiza unhas visitas turísticas pola península dende o 2012, cando a entidade cumpriu 90 anos de existencia, e sempre rematamos en Galicia, como corresponde.

-Fillo de pais emigrantes...

-Iso é. Foron ambos do Concello de Vimianzo: o meu pai naceu en Xora, un pequeno pobo da parroquia de Treos; e a miña nai foi de Torelo, en Salto. Alí teño aínda á miña familia: os meus sobriños, varios primos irmáns... Sempre intento tomar o traballo e o pracer de facerlles unha visita.

-Unha vida chea de historias marcadas pola emigración.

-Cando eu tiña 11 anos (e a miña irmá, 9) os meus pais volveron aquí, porque había 20 anos que non vían á súa xente. Fecharon o negocio que tiñan en Bos Aires, un ultramarinos, e colleron o barco que os trouxo de volta a Galicia. Isto foi no ano 1966, nunha Galicia moi diferente á actual, pero similar á que deixaran atrás había dous decenios.

-¿Son moitos os socios que o acompañan nestas viaxes?

-Nesta última ocasión viñeron dous grupos: un con 47 persoas, que foi coordinado por min, e paralelamente outro con 35.

-¿Como está a comunidade galega en Bos Aires?

-Pois, lamentablemente para nós, e por fortuna para vostedes, a emigración a América foi indo a menos dende finais da década dos 60. Os galegos que naceron na terra, pero que seguen alá son moi maiores: os máis novos poderán ter 50 ou 60 anos. Os que quedamos somos os fillos e netos deses primeiros emigrantes, e que intentamos manter os lazos coa nosa terra. E tamén as tradicións, pois na nosa asociación temos escola de gaita, de encaixe ou de baile tradicional, entre outras cousas. Facemos moita actividade cultural.

-¿Ata cando quedarán por aquí?

-Na Costa da Morte estarei ata mañá. Entón partirei cara Santiago, pois fun convidado polo presidente do Centro de Galicia de Bos Aires a participar na inauguración da mostra de Castelao no Gaiás. Alí se exhibirá por primeira vez en Galicia A derradeira leición do mestre, o «Guernica galego». Teño moitas ganas e expectativas por ser testemuña de ese feito histórico.

-E despois de volta a Bos Aires. ¿Coa mente xa posta na próxima viaxe que poida facer?

-[ri] Si, aínda que polo de pronto tomareime un ano de descanso, porque facer moitas viaxes ten sempre as súas cousas, non é nada sinxelo. De todos modos, se non veño antes, dende a asociación xa estamos pensando en actividades que realizar de cara ao centenario da entidade, que se celebrará no ano 2022. E Galicia será sen dúbida territorio das nosas actuacións.