Dez anos da exhumación de Severino Rivas en Cortapezas
20 ago 2015 . Actualizado a las 10:57 h.Un cento de persoas asistiron onte en Portomarín á homenaxe a Darío Rivas Cando, de 95 anos, co gallo do décimo aniversario da exhumación do seu pai Severino Rivas Barja, asasinado o 29 de outubro de 1936 cando era alcalde de Castro de Rei. O homenaxeado, chegado desde Buenos Aires, agradeceu o agarimo dispensado polos asistentes. O encontro serviu tamén para reclamar a «verdade, a xustiza e a reparación que familiares de infindas vítimas do franquismo levan solicitando décadas e aínda os poderes do Estado non satisfixeron», como dixo Carmen Rodeja, da Asociación para a Recuperación de la Memoria Histórica, que foi quen promoveu o acto de onte.
Os actos comezaron nun apartado do cemiterio de Cortapezas onde foi soterrado o ex alcalde de Castro. Alí houbo un acto de lembranza ao finado ao que asistiron diversas personalidades tanto do eido da política como da cultura. Houbo representantes do Concello de Lugo e tamén asistiron o ex rexedor socialista de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño e tamén o ex subdlegado do Goberno, Jesús Otero.
Logo houbo un xantar no que non faltou a música do país. Asemade, dous históricos da música galega, Xosé Luis Rivas Cruz, Mini e Baldomero Iglesias, Mero, interpretaron algunhas das pezas máis coñecidas do repertorio de Fuxan os Ventos e A Quenlla, formacións ás que pertenceron. Incluso se sumou unha moza arxentina, filla do presidente dun colectivo de emigrantes, que interpretou, entre outras pezas, a Negra Sombra.