Galicia no mapa dos cronopios

Francisco X. Fernández Naval

ARGENTINA

Aurora Bernárdez, primeira esposa de Julio Cortázar acordou depositar no Centro Galego das Artes da Imaxe, o seu arquivo fotográfico

25 ago 2014 . Actualizado a las 11:59 h.

Dende o ano 2005, Galicia forma parte do universo Julio Cortázar, o escritor arxentino nacido en Bruxelas o 26 de agosto de 1914 e falecido en París en 1984. A decisión de incorporar a Galicia a ese mapa de emocións e de literatura, foi de Aurora Bernárdez, a súa primeira esposa, galega de orixe, tradutora e administradora do seu legado, quen acordou depositar no Centro Galego das Artes da Imaxe, o seu arquivo fotográfico e o de Cortázar.

As razóns desta decisión foron explicadas por ela na inauguración da exposición Ler imaxes: O arquivo fotográfico Julio Cortázar, da que foi comisaria Rocío Santa Cruz, organizada a partir do legado recibido, acto celebrado no pazo de Fonseca no 2006. Aurora invocou entón a relación mantida por Cortázar cos galegos da emigración e do exilio en Bos Aires, en particular con Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Rafael Dieste. Pero alí, como para confirmar vínculos maiores, estaba o pintor Leopoldo Nóvoa, amigo dos últimos anos, quen acollía a Cortázar no seu estudio de Nogent sur Marne, nos arrabaldes de París.

O dito sería razón abonda para celebrar a festa do centenario do seu nacemento, pero a todas as razóns coñecidas e xa esgrimidas sobre a relación de Cortázar con Galicia e cos galegos, habería que engadir o feito de que hoxe, probablemente, é o autor do boom latinoamericano con máis presenza na cultura galega contemporánea. E falo de cultura e non só de literatura, porque presenza hai no cine, nas artes plásticas, no teatro, na universidade, no mundo asociativo ou na música. E destaco o termo «presenza» e non influenza porque os autores que recoñecen os vínculos con el salientan nesa relación a liberdade, a tenrura, o fantástico do cotián ou sentido do humor, características que fan que o autor dos cronopios sexa lido hoxe pola xente nova, como o foi en vida, cousa que o faría sorrir feliz.