O hostaleiro na diáspora que quere triunfar no seu Lalín natal

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AMÉRICA

Adrián Freiría

Carlos Taboada, con dous locais abertos en Colombia, reabre hoxe ao público o histórico restaurante Os Arcos

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixou o seu Lalín natal no ano 2007 para desenvolver un proxecto internacional de cine en Barranquilla, a súa paixón desde mozo, pero sempre soñou con poder volver a Lalín. Con todo, os distintos retos profesionais ataron a Carlos Taboada en Colombia dezaséis anos. Ata agora.

Un ano levaba matinando coa súa muller a posibilidade de emprender na súa vila, dándolle forma a un proxecto hostaleiro similar ao que lidera en Colombia; «a miña muller é unha namorada de Galicia, de Lalín en especial, e xurdiunos a posibilidade de coller as rendas de Os Arcos e viñemos para aquí aínda que eu viaxarei cada seis meses para supervisar o funcionamento dos tres establecementos», comenta Taboada. Aquel especial interese que sentía polo cinema nunca esmoreceu, ao igual que a súa morriña pola terra, «o cine e a gastronomía teñen un nexo común que é seguir contando historias», aínda que desde 2016 non leva entre mans ningún proxecto cinematográfico ao estar centrado en corpo e alma ao eido da restauración. Cunha plantilla de 47 profesionais nos restaurantes Sete Mares de Palomino e Santa Marta, o empresario lalinense recoñece ter máis tempo para perfilar este novo proxecto.

A proposta gastronómica que desde hoxe se poderá degustar en Os Arcos difire da colombiana en varios aspectos que detalla; «Sete Mares é unha gastronomía que se basa en traballar todo o produto de zona e con produtores locais. Isto aquí tamén o imos manter, menos no caso dos peixes e mariscos que polo de agora aquí non temos mar», expón cun sorriso. Os Arcos rescata pois a carta dos antigos donos do establecemento, «e démoslle unha volta, aportando moitas melloras, pero mantendo a filosofía de Sete Mares, e na que non faltarán os tacos de peixe, arroces ou carrilleiras». Para elo ata Lalín desprazouse a chef da empresa Carolina Asmar, que leva un mes formando ao persoal de cociña que se fará cargo das comandas e dos menús do día que se servirán no establecemento

Carlos Taboada pretende recuperar o bodegón do local, que tantas reunións de amigos e conversas acolleu no pasado, ao igual que incluír o Cocido de Lalín. «A miña intención ao principio non ía por ter ese prato pero a xente pídeo, entón antes de ofrecelo imos buscar unha persoa que nos ensine a facelo moi ben, do xeito tradicional e que sexa un cocido de verdade», sentencia.